Pensar dende a esquerda: 20 anos da revista Razón Socialista

Share Button

Non é a primeira vez que publicamos na nosa web unha entrada sobre a revista Razón Socialista con motivo da aparición dun novo número. Esta vez, sen embargo, facémolo dentro da nosa serie Pensar dende a esquerda por un motivo ben merecido: a revista vén de acadar os seus 20 anos de idade co número 38, recentemente saído do prelo e correspondente a este primeiro semestre de 2015.

Razón Socialista, unha revista que leva por subtítulo Pola rexeneración da esquerda, naceu por iniciativa dun grupo de militantes socialistas ferroláns críticos coa situación que naqueles momentos atravesaba o partido na cidade departamental. Coa foto de Pablo Iglesias na portada do seu número 0, tardou pouco en convertirse nunha revista plural, que recolle as opinións das diferentes sensibilidades da esquerda, e en contar con colaboracións moi destacadas. A revista foi, ademais, xermolo da Asociación Cultural Fuco Buxán.

Este número conmemorativo coincide co nomeamento dun novo director, o militante socialista ferrolán Manuel A. Cendán Dopico, a quen transmitimos os nosos mellores desexos nesta nova etapa. Nesta ocasión a revista conta con 48 páxinas, das que case a metade adícanse a repasar estes 20 anos de andaina.

Nas súas primeiras páxinas inclúe artigos como como O dereito á vivenda: primeiro as persoas, de Stop Desafiuzamentos; 10 anos da radio libre e comunitaria de Ferrol: Radio Filispim, a cargo de Miguel Castro Serantes; Piedra de escándalo, de Rafael Pillado; a habitual sección sobre libros de Víctor García Novás; ou un coloquio sobre as eleccións municipais en Ferrol con varios participantes.

De especial interese é o dossier XX anos de Razón Socialista, que se abre cun texto da Redacción e inclúe unha escolma dos contidos publicados ó longo destes 20 anos, dende un dos primeiros editoriais ata unha entrevista con Victoria Fernández Paredes, pasando por artigos como Un futuro ilusionante, escrito por José Borrell con motivo das primarias socialistas que o enfrontaron a Almunia en 1998; La ciudad que ahora puede ser, de Carmelo Teixeiro; Arredor de Isaac, de Diego Contador (sobre a figura de Isaac Díaz Pardo) ou ¿El final de la crisis?, do economista Juan Torres.

Rematamos esta entrada reproducindo unhas palabras da devandita introdución ó dossier conmemorativo: “…desde aquel distante número cero coa figura de Pablo Iglesias Posse na súa portada, chega agora ao seu exemplar número 38, tras unha longa marcha a través da historia de todos nós, da historia feita memoria e compromiso coa causa da liberdade e o progreso dos pobos. Irrenunciablemente plural, os seus contidos constitúen unha valiosa testemuña esperanzada sobre o camiño percorrido, as súas loitas, os seus triunfos e fracasos, sempre co optimismo histórico como bandeira”. Dende aquí queremos felicitar ás persoas que fixeron e fan posible Razón Socialista e desexarlles moitos máis anos de frutífera traxectoria. Adiante.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.