Un cariñés na candidatura socialista ó Parlamento

Share Button

12-09-12_jose_miguel.jpgO PSdeG-PSOE ven de aprobar as candidaturas das catro provincias para as eleccións autonómicas do 21 de outubro. A candidatura da nosa provincia está encabezada polo exministro de Xustiza Francisco Caamaño e conta, no posto número 10, co noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar.

A comarca do Ortegal nunca contou cun deputado socialista no Parlamento autonómico. Dende a Agrupación Socialista de Cariño consideramos importante que a comarca teña representación no Parlamento, para que se escoite a nosa voz; para recabar información; para defender, seguir e influir nos proxectos que nos afectan… Por esta razón, decidimos traballar para situar a un compañeiro da nosa Agrupación na candidatura.

A presenza de José Miguel Alonso na candidatura foi proposta por un número importante de agrupacións da provincia. Despois dun disputado proceso, durante a tarde do luns confirmouse a inclusión do noso compañeiro no décimo lugar. É a primeira vez que a nosa comarca está presente nos 10 primeiros postos da candidatura socialista. O PSdeG-PSOE conta actualmente con 8 escanos pola provincia da Coruña, polo que os resultados o 21 de outubro terían que ser excelentes (un incremento de dous escanos) para que José Miguel entrase de maneira directa no Parlamento. Sen embargo, non é en absoluto descartable que algunha renuncia ó longo da lexislatura facilite a súa entrada. En calquera caso, temos que conseguir que os resultados electorais o 21 de outubro sexan os mellores posibles. O noso compañeiro podería facer un traballo moi solvente na cámara autonómica.

José Miguel Alonso Pumar, cariñés nado en 1976, é Licenciado en Psicoloxía pola USC, Máster en Residencias e Atención ás Persoas Maiores pola UDC e Postgrao como Experto en Xerontoloxía Social pola UDC; ten cursado estudos de Doutoramento nun Programa Europeo (con mención de calidade europea) entre as Universidades de Wüzburg (Alemaña), UNED e Estocolmo (Suecia). No ámbito laboral, ten traballado no eido dos servizos sociais e do medio ambiente nos Concellos de Cariño e Riotorto, así como na empresa privada. É socio da Sociedad Española de Ornitología (SEO/Birdlife), socio-fundador da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e autor de diversas ponencias e artigos en congresos e revistas ornitolóxicas nacionais e internacionais. Por último, no ámbito político é actualmente Secretario de Desenvolvemento Local e Medio Ambiente da Agrupación Socialista de Cariño, Secretario de Medio Ambiente da Executiva Provincial e Membro do Comité Nacional Galego do PSdeG-PSOE.

Unha vez aprobadas as candidaturas, chega o momento de facer balance destes catro anos nefastos de goberno do PP e de explicar o proxecto alternativo do noso partido. Como xa vimos dicindo, é absolutamente necesario un cambio político en Galicia e dende Cariño queremos aportar o noso gran de area para se produza. Coa túa axuda, podemos conseguilo.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.