O cambio urxente que Galicia necesita

Share Button

Este sábado, 1 de setembro, o Comité Nacional do PSdeG-PSOE reuníuse en Santiago de Compostela para designar oficialmente a Pachi Vázquez candidato ás eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro.

A cidadanía galega non debe desaproveitar esta ocasión para provocar un cambio político absolutamente necesario. O balance de Núñez Feijóo na lexislatura que remata é nefasto. Unha das taxas de paro máis altas do Estado español, incremento da débeda pública, desmantelamento de tódolos nosos sectores productivos (lácteo, pesqueiro, eólico, construcción naval, etc.), crise do sector bancario, copago farmacéutico, ataques constantes á educación e á sanidade públicas, esmagamento das nosas industrias culturais e desaparición do pluralismo informativo, etc. Urxe un cambio político.

Nos seus discursos de onte, o noso candidato Pachi Vázquez enumerou algunhas das súas propostas para os vindeiros catro anos: retirada do copago farmacéutico; impostos á banca, ás rentas máis altas e ás empresas contaminantes; aposta decidida pola economía productiva, os sectores estratéxicos e a I+D; retirada das subvencións ós colexios que segregan ós alumnos por sexo, financiando os libros de texto co diñeiro que se aforre; anulación do decreto do galego no ensino; ou creación dun gabinete xurídico para defender ós afectados polo escándalo das preferentes. Nos vindeiros días terás ocasión de coñecer outros detalles do programa socialista.

Ó longo das vindeiras dúas semanas levarase a cabo o proceso de elaboración das candidaturas. Unha noticia importante é que o noso Secretario Provincial, Francisco Caamaño, amosou a súa intención de renunciar ó escano en Madrid para encabezar a candidatura pola provincia da Coruña. Consideramos que é unha excelente noticia. A crítica situación que vive Galicia require que presentemos un equipo sólido e preparado para gobernar. Na Agrupación Socialista de Cariño confiamos moito no proxecto provincial que lidera Caamaño; apoiamos a súa candidatura no último Congreso provincial e sentímonos identificados co seu discurso. O futuro de Galicia precisa ós mellores nomes e Caamaño é, sen dúbida, un deles.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.