Pensar dende a esquerda: adeus a Francisco Fernández Buey

Share Button

O pasado 25 de agosto faleceu en Barcelona o catedrático de Filosofía Política e activista de esquerdas Francisco Fernández Buey (na foto, tomada da edición dixital de El País). Non tivemos a sorte de coñecelo persoalmente e nunca militou no noso partido. Sen embargo, a coherencia da súa traxectoria e a calidade do seu traballo intelectual merecen o recoñecemento de toda esquerda plural e consecuente.

Nado en 1943, Fernández Buey estudou filosofía na Universidad de Barcelona, da que foi expulsado pola súa militancia antifranquista en 1966. Durante uns anos realizou traballos de traductor, ata que en 1972 puido voltar á docencia universitaria, primeiro en Valladolid e despois novamente en Barcelona, como catedrático da Universitat Pompeu Fabra. Ó longo da súa traxectoria académica, publicou un amplo número de libros e artigos, entre os que destacan La ilusión del método, Discursos para insumisos discretos, Utopías e ilusiones naturales ou Por una universidad democrática. No ámbito político, militou no Partido Socialista Unificado de Cataluña (PSUC) e foi delegado no congreso fundacional de Izquierda Unida. Entre as súas preocupacións teóricas atópanse o concepto de utopía ou a integración das correntes marxista e ecoloxista, seguindo a liña tamén cultivada polo seu mestre Manuel Sacristán (ben reflexada no seu libro Pacifismo, ecologismo y política alternativa, reeditado en 2009 na colección Pensamiento Crítico do xornal Público).

Aquí queremos destacar as contribucións de Fernández Buey á historia do pensamento político de esquerdas. Neste ámbito, o finado profesor escribíu dous libros esenciais, ambos publicados por El Viejo Topo. Marx (sin ismos) é, sen dúbida, unha das mellores introduccións en castelán á vida e obra de Karl Marx. Cun fino sentido crítico, ofrece unha aproximación diacrónica que intercala as etapas da súa vida coas súas principais obras. Fernández Buey propón ler a Marx como un clásico, entedelo no seu contexto e desvinculalo de tódalas terxiversacións e atrocidades que se cometeron, anos despois, no seu nome. A súa proposta é, pois, unha maneira de rescatar o mellor de Marx e de explorar todo o que de importante hai na súa obra para comprender e transformar o mundo nunha dirección máis xusta e democrática.

O outro libro que queremos comentar aquí é Leyendo a Gramsci, que constitúe unha magnífica aproximación á obra do filósofo marxista italiano Antonio Gramsci, que foi duramente represaliado polo réxime de Mussolini e cuia obra volta a estar de actualidade, debido á aplicabilidade de conceptos como o de hexemonía. Fernández Buey recollía tamén de Sacristán a simpatía por Gramsci e enfatizaba no filósofo italiano a coherencia entre pensamento e práctica, entre as palabras e os feitos. Atopaba así un fío conector entre o filósofo italiano e o mítico Ernesto Che Guevara; de feito, outro dos traballos do filósofo catalán foi, precisamente, o estudo introductorio á edición castelá dos Escritos revolucionarios do Che (tamén reeditados por Público).

Co pasamento de Francisco Fernández Buey a esquerda perde, pois, a un referente intelectual. En internet podes atopar numerosas noticias sobre o seu pasamento e outros textos sobre a súa figura, que conta ademais con entrada propia na Wikipedia. Queremos recomendar, en concreto, unha entrada de José Luis Moreno Pestaña que recolle o texto dunha conferencia de Fernández Buey sobre Gramsci; podes atopalo aquí:

http://moreno-pestana.blogspot.com.es/2012/08/francisco-fernandez-buey.html

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.