Unha análise (crítica) dos resultados electorais

Share Button

O PP obtivo unha victoria rotunda nas eleccións autonómicas do pasado domingo. O escrutinio amosou un incremento da súa maioría absoluta a 41 escanos, mentres que PSdeG-PSOE e BNG sufriron un duro castigo; o noso partido perdeu sete escanos, baixando de 25 a 18; e o BNG perdeu 5, conservando só 7 dos 12 acadados na anterior lexislatura. AGE, a coalición de ANova e EU-IU encabezada por Beiras, entrou con forza no Parlamento acadando 9 escanos.

É evidente que os resultados do noso partido obrigan a unha seria reflexión e, sobre todo, a un drástico cambio de rumbo. Non serve xa remitirse ós tópicos de sempre (a xente do PP vai a votar, mentres que a de esquerda é máis abstencionista; o PP xogou sucio e foi advertido en varias ocasións pola Xunta electoral; teñen os medios ó seu favor…). Cando te enfrentas a un rival forte, como sen dúbida é o PP de Galicia, hai que facer as cousas moi ben para ter algunha posibilidade de gañarlle. E a realidade é que o PSdeG-PSOE –cómpre dicilo agora con claridade- fixo as cousas mal: celebrou un congreso precociñado e precipitado tras perder o goberno da Xunta en 2009; nos últimos catro anos gastou máis enerxías no conflicto interno que en ofrecer un proxecto sólido á cidadanía; renunciou a defender os innegables logros do bipartito; o proceso de elaboración de candidaturas e o seu resultado final foron francamente mellorables; o deseño da campaña fallou en varios aspectos clave (entre eles un frouxísimo lema como É o momento. Galicia decide); etc. O BNG cometeu erros semellantes.

Pola contra, o indiscutible éxito acadado por AGE apoiouse nalgúns elementos que deberíamos ter en conta para o futuro: prestixio intelectual; caras novas moito menos afectadas pola profesionalización da política; unha narrativa moi potente (a crítica sen concesións ás elites do sistema financeiro ou a idea do expolio de Galicia, mentres o PSdeG aportaba propostas febles como a das becas-contrato, que non atacan os problemas vertebrais da economía galega nin incorporan un diagnóstico crítico da realidade); referencias a sectores sociais dinámicos e alusión/incorporación das súas propostas (Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, 15M, ecoloxismo…); etc.

Os resultados socialistas na provincia coruñesa son especialmente negativos no ámbito urbano, perdendo nas cidades de A Coruña e Santiago de Compostela a condición de segunda forza en favor de AGE; en Ferrol, o PSdeG-PSOE superou a AGE en só un voto. A Capela é o único dos 20 concellos que integran as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal onde o noso partido consegue vencer; somos segunda forza en 12 concellos, pero quedamos relegados a terceira forza en 6 (Cabanas, Fene, Mugardos, Narón, Pontedeume e San Sadurniño) e somos a cuarta forza en Moeche.

En Cariño, como reflexa a gráfica adxunta, o PP obtén 969 votos; o PSdeG-PSOE 472; AGE 197; o BNG 185; UPyD 22; o PACMA 18; e CxG 14. Outros partidos minoritarios reciben entre 1 e 12 votos, rexistrándose tamén 72 votos en blanco e 39 nulos.

A victoria do PP é contundente e na Agrupación Socialista de Cariño asumimos, como non podía ser doutro xeito, a parte de responsabilidade que poidamos ter na derrota. É evidente que non estamos satisfeit@s na medida en que o noso obxectivo é recuperar a condición de forza hexemónica. Temos, sen dúbida, moito traballo por diante.

Sen embargo, os resultados ofrecen tamén algunha lectura positiva que non queremos obviar aquí. Cariño é o cuarto concello con mellor porcentaxe de voto socialista (23’74 %) entre os 20 que compoñen as comarcas anteriormente citadas, unicamente superada polos tres concellos con alcaldía socialista: A Capela (40’62), As Pontes (28’49) e Ares (23’99). En segundo lugar, o noso partido aséntase en Cariño como a forza maioritaria dentro do espectro progresista, confirmando que os resultados das municipais de maio de 2011 supuxeron un feito isolado. O pasado domingo non só superamos ó BNG (que queda relegado a cuarta forza), senón que incluso a suma de BNG e AGE queda 90 votos por debaixo.

A interpretación que facemos dos resultados que se produxeron en Cariño o pasado domingo vai na mesma liña que apuntamos tralas pasadas eleccións xerais. Resulta curioso que un partido cunha base social tan potente como PP acumule tres derrotas consecutivas nas eleccións municipais (en 2003 e 2007 ante o noso partido, e en 2011 ante o BNG). ¿É a liña actual do PP local a mellor maneira de revertir esta dinámica? O tempo dirá… Pola súa parte, aínda sendo certo que os resultados das eleccións xerais e autonómicas non son extrapolables, tamén queda claro que as políticas que practica o BNG no goberno municipal –en moitas ocasións alonxadas do seu ideario orixinal e incluso á dereita do PP- non contribúen á consolidación dun electorado nacionalista no ámbito municipal cariñés. Outro dato preocupante, e do que deberíamos tomar nota tódalas forzas políticas que actuamos en Cariño, é o baixo índice de participación (53’72 % e 2027 votos emitidos).

Á marxe dos resultados electorais, a situación económica e social segue a ser moi crítica e a cidadanía precisa de solucións urxentes. É tempo de altura de miras, de traballo firme, honesto e xeneroso. A política en xeral, e o PSdeG-PSOE en particular, temos importantes retos por diante.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.