A esquerda ante a OTAN: unha perspectiva histórica

Share Button

É innegable que o PSOE atravesa na actualidade unha crise importante, á que xa nos temos referido na nosa páxina. Esta situación, sen embargo, non é nova para o noso partido, que ó longo da historia atravesou situacións críticas ás que foi capaz de sobrepoñerse despois de intensos debates internos. Esta é quizais a principal lección que, nesta ocasión, podemos extraer da historia: a enorme capacidade de recuperación e reacción do partido, en boa medida relacionada co tesón da súa militancia.

Un destes momentos críticos tivo que ver co referéndum sobre a permanencia de España na OTAN, celebrado en marzo de 1986. Con anterioridade á súa chegada ó goberno o PSOE mantivera unha posición crítica, co lema OTAN de entrada no e coa esixencia dun referéndum. A chegada o partido ó poder nas eleccións de 1982 obrigou a un cambio de posicionamento liderado por Felipe González e que obedecía a razóns de xeoestratexia e política internacional. A cuestión foi obxecto de intenso debate no XXX Congreso do partido (decembro de 1984) e, previa defensa do voto favorable por parte do PSOE, a opción do si impúxose no referéndum con máis de nove millóns de votos e un 52’5 % de porcentaxe. O episodio provocou, sen embargo, unha forte división no seo da esquerda e un longo debate no partido.

Baixo a coordinación do historiador Abdón Mateos (UNED) a revista Ayer vén de publicar, no seu número 103(3) (2016), o dosier titulado La izquierda ante la OTAN, que ofrece unha mirada retrospectiva do tema citado a cargo de reputados historiadores. Tralas páxinas de presentación a cargo do coordinador, Javier Muñoz Soro achega un artigo titulado El final de la utopía. Los intelectuales y el referéndum de la OTAN en 1986. O propio Abdón Mateos é autor do seguinte traballo, que leva por título Los socialistas españoles y la cuestión atlántica hasta el referéndum de 1986. Pola súa parte, Emanuele Treglia ocúpase do debate entre os comunistas no artigo La última batalla de la transición, la primera de la democracia. La oposición a la OTAN y las transformaciones del PCE (1981-1986). Finalmente, Guillermo León Cáceres escribe sobre El ruido y la furia: Izquierda Socialista y el referéndum sobre la OTAN (1984-1986). Unha lectura sen dúbida interesante.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.