Mellora da estrada Cariño-Mera na curva da Ortigueira

Share Button

En días pasados a Deputación Provincial anunciou a licitación, por un importe de 18.500 euros, da redacción dun proxecto de mellora da seguridade vial na estrada provincial DP 6121 Mera a Cariño, no lugar de A Ortigueira (punto quilométrico 7+800), situado na parroquia de A Pedra, dentro do noso Concello.

Como é ben sabido, trátase dun dos puntos máis perigosos da citada estrada ó coincidir unha zona de curva pronunciada cun estreitamento da vía ó pasar sobre a ponte do río Lourido. As obras contemplarán a demolición dunha edificación que reduce a visibilidade e a ampliación da citada ponte. O ente provincial ten a intención de adquirir a vivenda máis próxima á ponte na marxe dereita da estrada (actualmente deshabitada), que é o lado interior da curva, co obxecto de mellorar a visibilidade, agora moi reducida, e permitir a ampliación da plataforma da vía ás mesmas dimensións que o resto da estrada.

O proxecto que agora encarga o departamento de Vías e Obras do organismo provincial deberá, polo tanto, conter tanto a demolición da citada edificación como a ampliación da ponte sobre o río Lourido e a instalación dunha pasarela peonil para garantir tanto a seguridade da circulación na estrada como a dos viandantes.

Esta actuación forma parte das demandas que o Goberno Municipal cariñés lle tiña trasladado tanto ó Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, como ó Deputado de Infraestruturas Viarias, José Manuel Pequeño. Por outra parte, a propia Deputación lembrou na súa nota de prensa que a eliminación de puntos negros e tramos de concentración de accidentes é unha das prioridades dentro da súa política de infraestruturas, así como a potenciación de sendas peonís, a mellora e humanización de travesías e a ampliación do ancho das vías máis estreitas nos máis de 2.000 quilómetros cos que conta a rede provincial de estradas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.