O xeoparque de Cabo Ortegal a debate: xornadas en Cariño

Share Button

Un dos moitos valores que posúe a nosa comarca é a súa riqueza xeolóxica. En efecto, o coñecido como Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal vén sendo obxecto de estudo dende hai décadas por parte de xeólogos de prestixio internacional. O interese polas nosas rochas, sen embargo, exténdese máis alá dos profesionais da xeoloxía e chega tanto á cidadanía da nosa comarca como a moitas persoas que nos visitan atraídas pola riqueza natural e cultural que atesoura este territorio.

O coñecemento e a promoción da nosa riqueza xeolóxica deben ser, polo tanto, unha parte esencial nunha estratexia de desenvolvemento sostible que incorpore ó turismo de calidade como un dos seus vectores. A consecución da categoría de Xeoparque daríalle moita visibilidade a esta riqueza e ten que ser, xa que logo, parte desa estratexia. Nesa liña vimos traballando dende hai unha década e xa no programa electoral das eleccións municipais de 2011 o noso partido incorporaba esta proposta. Con posterioridade outros concellos e axentes sociais teñen amosado o seu interese nesta iniciativa, cuxo enfoque e características aínda teñen que ser definidos.

Coa intención de contribuír a este obxectivo o Concello de Cariño vén de anunciar a celebración das IV Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local que, baixo o título O xeoparque de Cabo Ortegal: futuro próximo ou lonxano?, terán lugar no Auditorio Municipal de Cariño o sábado 10 de decembro.

O programa conta con algúns dos principais especialistas na xeoloxía do complexo de Cabo Ortegal e no proceso de declaración e xestión de xeoparques. Baixo a coordinación de Ricardo Arenas (Universidad Complutense de Madrid) e Lois Armada Pita (CSIC), o programa dará comezo ás 11 da mañá cunha apertura institucional na que participará o Alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar. De seguido haberá catro charlas sobre a xeoloxía da comarca: Ricardo Arenas (Universidad Complutense) falará sobre El Complejo de Cabo Ortegal: un laboratorio para investigar la formación de Pangea; Richard Albert Roper (Goethe Univ. Frankfurt) impartirá a charla titulada Un origen africano para los gneises del Complejo de Cabo Ortegal; Sonia Sánchez (Univ. Complutense) intervirá sobre Los océanos desaparecidos del Complejo de Cabo Ortegal y las rocas más antiguas de Iberia; e Juan Ramón Vidal Romaní (Universidade da Coruña) pechará a sesión da mañá falando de La historia geológica, sin rocas, de Cabo Ortegal.

Os traballos retomaranse ás catro da tarde con tres charlas dedicadas de maneira específica ós xeoparques, que irán seguidas dun debate posterior. En primeiro lugar, Luis Carcavilla (IGME) intervirá sobre Geoparques: concepto y proceso de declaración; Leire Barriuso (Geoparque de la Costa Vasca) explicará El día a día del Geoparque de la Costa Vasca; e Artur Abreu Sá (Univ. de Trás-os-Montes e Alto Douro e membro do Comité Consultivo da Red Europea de Geoparques) pechará o programa de charlas coa titulada Hacia un geoparque mundial de la UNESCO: una odisea de pasión. Como xa sinalamos, a xornada concluirá cun turno de intervencións e debate aberto ó público.

Segundo informou o Concello de Cariño en días pasados, xa confirmaron a súa presenza tódolos alcaldes dos concellos que forman parte do Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal e que estarían chamados a involucrarse no proxecto. A xornada é pública e aberta a toda a cidadanía. Dende aquí queremos desexarche que desfrutes deste interesante programa, agardando que o evento sexa un chanzo significativo para que o Xeoparque de Cabo Ortegal se faga realidade. Queda moito por facer, pero estas xornadas están no camiño acertado.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.