12 Congreso do PSdeG

Share Button

Este sábado, 10 de marzo, Día da Clase Traballadora, arranca en Santiago de Compostela o 12 Congreso do PSdeG, no que competirán pola Secretaría Xeral os compañeiros Pachi Vázquez e Elena Espinosa.

Dende outono de 1998 non compiten dúas candidaturas á Secretaría Xeral do PSdeG. Naquel congreso enfrontáronse Emilio Pérez Touriño e Miguel Cortizo, resultando gañador o primeiro. Touriño liderou o partido ata a derrota nas eleccións autonómicas de 2009, trala cal Pachi Vázquez foi elexido Secretario Xeral, nun congreso sen oposición interna. Esta fin de semana prevese un congreso intenso, apaixoante, no que a militancia do PSdeG debemos darlle un pulo á alternativa que imos presentar ó PP de Feijóo nos vindeiros comicios autonómicos. Se o programa transcorre segundo o previsto, o sábado a última hora da tarde saberemos se o partido aposta pola continuidade, coa elección de Pachi Vázquez, ou decide emprender un camiño distinto optando por Espinosa. Na inauguración do Congreso participará o Secretario de Organización do PSOE, Óscar López, mentres que o Secretario Xeral, Alfredo Pérez Rubalcaba, intervirá na Clausura.

A Agrupación Socialista de Cariño estará representada no cónclave con cinco militantes. A condición de Delegado con dereito a voto recae no noso Secretario Xeral, José Luis Armada, segundo decidimos na recente Asamblea. Outr@s catro compañeir@s estarán presentes en calidade de convidad@s.

O xornal La Voz de Galicia publicou hoxe que a nosa Agrupación apoia a candidatura de Elena Espinosa. Queremos salientar que ningún d@s nos@s militantes comunicou tal cousa ó citado xornal; tampouco autorizamos a ningún membro do partido a falar en nome da nosa Agrupación. O noso respeto polos dous candidatos é máximo; tanto Elena como Pachi están perfectamente capacitados para ocupar a Secretaría Xeral do PSdeG. Estes días tócanos, pois, escoitar as súas propostas. A Agrupación Socialista de Cariño fará pública a súa decisión final cando o estime oportuno.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.