Reunión de traballo co Conselleiro de Política Social

Share Button

Na mañá deste luns 11 de abril o Alcalde de Cariño José Miguel Alonso Pumar e a concelleira María José Fraguela López mantiveron unha reunión de traballo co Conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, e o Xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. A cita tivo lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol (a foto que reproducimos é unha das publicadas pola propia administración autonómica) e nela abordáronse tres temas principais: a apertura do Punto de Atención á Infancia (PAI), o remate e apertura do Centro de Día e o Servizo de Axuda no Fogar.

No tocante ó primeiro asunto, dende o Concello solicitouse a integración do futuro centro educativo infantil de Cariño na rede galega da Xunta. O Conselleiro sinalou que nestes momentos estase rematando a regularización xurídica dos centros que xa están integrados en dita rede (que estaban baixo diferentes e variadas figuras xurídicas: antigas escolas infantís subrrogadas, escolas de nova creación…) e que en breve asinarán un convenio coa FEGAMP para ter un marco legal igual para tódolos concellos que conten con centros municipais. Rematado este paso, integraranse os centros na rede autonómica mediante un pacto coas entidades locais, que, en palabras do Conselleiro, será bastante máis favorable para os concellos que o actual. En dito acordo estará Cariño.

Asemade, dende o Concello solicitouse tamén colaboración para a finalización e apertura do Centro de Día. O Conselleiro comprometeuse a asinar un convenio coa institución municipal para achegar recursos que permitan rematar a obra. A falta de que a dirección de obra remate de cuantificar os desperfectos, os responsables municipais indicaron que a cantidade necesaria podería rondar os 300.000 euros e comprometéronse a entregar no prazo duns catro meses un proxecto detallado e cuantificado para a finalización. Pola súa parte, Rey Varela comprometeuse a que a administración autonómica asumirá ó menos o 60% do presuposto.

Por último, no tocante ó Servizo de Axuda no Fogar, o Conselleiro propuxo incrementar os efectivos humanos para reducir todo o posible as listas de espera da Lei de Dependencia. Os responsables municipais amosaron a súa satisfacción co funcionamento deste servizo, que en Cariño realízase mediante persoal público, pero subliñaron tamén a súa plena disposición a colaborar para a súa mellora.

A valoración do encontro, que se desenvolveu nun clima de cordialidade e vontade de colaboración, é claramente positiva. Dende aquí agardamos que os acordos se materialicen no prazo máis curto posible. Á marxe da propia reunión, o Alcalde de Cariño solicitou tanto a Rey Varela como a Diego Calvo, delegado territorial da Xunta na provincia, a súa implicación para resolver os problemas de comunicación da comarca e retomar as obras da Vía de Altas Prestacións (VAP) Ferrol-San Cibrao. O vindeiro día 22 os representantes municipais da comarca celebrarán en Cariño unha xuntanza con Ethel Vázquez, Conselleira da área.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.