Tertulia co xornalista cariñés Antón Luaces en Ortigueira

Share Button

Organizada pola asociación Terras do Ortegal, o vindeiro venres 8 de abril terá lugar no salón de actos do Museo Ortegalia, en Ortigueira, unha tertulia co xornalista cariñés Antón Luaces Teixido que leva por título Ondas de mar e radio. A experiencia de “Españoles en la mar”. O evento dará comezo ás oito da tarde e será presentado por Francisco Bermúdez, técnico do equipo de Prácticos do porto da Coruña.

Antón Luaces é un xornalista cariñés de longa traxectoria en prensa e radio. Foi director de Radio Nacional de España en Galicia, así como director e locutor de diversos programas de radio, parte deles sobre temas do mar. Na actualidade é columnista do xornal coruñés La Opinión. Luaces colabora con frecuencia en eventos e iniciativas que teñen lugar no noso pobo. Dende a Agrupación Socialista de Cariño temos que agradecerlle que fixese de moderador ou condutor dalgúns dos actos que organizamos nos últimos anos, como o Acto conmemorativo do 25 aniversario da Segregación (celebrado o 2 de marzo de 2013) ou a charla-coloquio Situación actual das Administracións Públicas: do Estado aos Concellos (28 de febreiro de 2015), que contou coa participación do exministro Francisco Caamaño e do entón candidato a Alcalde José Miguel Alonso Pumar.

A do vindeiro venres será a terceira das tertulias de temática cultural e social que organiza Terras do Ortegal, asociación de ámbito comarcal que edita a revista do mesmo nome. Como probablemente lembrarás, o número 2 da citada revista saíu publicado o pasado verán e contén un dossier con varios artigos sobre o Concello de Cariño.

Se tes ocasión de asistir á tertulia non deixes de facelo. Seguramente pagará a pena.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.