Xuntanza en Cariño sobre a VAP Costa Norte

Share Button

O pasado venres, día 22 de abril, o Concello de Cariño albergou a segunda reunión entre os representantes da Xunta de Galicia e os alcaldes dos concellos das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, logo dunha primeira xuntanza celebrada no Vicedo o pasado mes de novembro.

Por parte da administración autonómica acudiron á nosa vila a Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o Director Xeral de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e os Delegados da Xunta de Galicia para as provincias de Coruña e Lugo, Diego Calvo e Raquel Arias.

Por parte das administracións locais estiveron presentes os alcaldes dos municipios de Cervo, Xove, Ourol, O Vicedo, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Ferrol, así como concelleiros de Viveiro, Mañón, As Somozas e Narón.

Unha vez máis, os edís solicitaron da Xunta de Galicia un compromiso serio, firme e con prazos cribles para a execución da Vía de Altas Prestacións (VAP) Costa Norte co gallo de frear a cada vez máis notable diferencia inversora entre o eixo atlántico e o cantábrico galego.

O Alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, tamén puxo sobre a mesa de traballo a necesidade irrenunciable de que o noso concello conte cunha nova estrada que o enlace coa futura vía autonómica. A día de hoxe a estrada Cariño-Mera tense convertido no vial de titularidade provincial que soporta un maior volume de tráfico pesado, en boa parte debido a que -segundo todas as previsións- o porto de Cariño acabará o ano superando as 700.000 toneladas de mercadorías exportadas, o que fará que recupere a súa hexemonía entre todas as dársenas comerciais que dependen da Xunta de Galicia (superando a Ribadeo ou Cee). Por todo isto, cremos que Cariño ten acreditado sobradamente a necesidade de contar cunha nova estrada, propia do século XXI, que axude a dinamizar o tráfico de toda a península de Ortegal, o que en absoluto é incompatible con seguir traballando na eliminación dos puntos perigosos que aínda persisten na actual vía provincial.

A xuntanza do venres viña marcada pola publicación da licitación da asistencia técnica para as expropiacións do subtramo comprendido entre San Sadurniño e Sanguiñeira, xa preto de Moeche, no DOGA do día previo. Para esas tarefas, consistentes en resolver os trámites burocráticos emanados do proceso expropiatorio dos terreos, a consellería destinará 62.113 euros.

Os representantes municipais mostraron a súa fonda preocupación e disconformidade co ritmo ó que se está a desenvolver a infraestrutura. Cómpre lembrar que o único tramo en servizo (variante de Ortigueira) foi aberto ó tráfico con máis de tres anos de retraso sobre as datas previstas, algo similar ó que lle sucederá ó traxecto Celeiro-San Cibrao sempre que finalmente os traballos rematen en setembro, última data fixada.

Con este panorama podemos afirmar que no vindeiro outono non haberá un só tramo novo expropiado ou en obras, o que non fará máis que certificar a perenne lentitude –cando non parálise- coa que se está a encarar este proxecto, vital para o futuro progreso do arco cantábrico galego.

En vista desta situación os alcaldes solicitaron a creación dunha Comisión Mixta de Seguimento da VAP, integrada por representantes da administración autonómica e un responsable político de cada comarca, co fin de garantir un axeitado seguimento do proxecto. Deste xeito, Jesús Novo (PP), José Miguel Alonso (PSOE) e Secundino García (BNG) -alcaldes de O Vicedo, Cariño e San Sadurniño, respectivamente- foron os elexidos polos seus compañeiros. Nas vindeiras datas acabaranse de perfilar os pormenores do grupo de traballo.

A Agrupación Socialista de Cariño sempre estivo na demanda de máis e mellores infraestructuras non só para o noso concello senón tamén para toda a comarca, algo que entendemos imprescindible para un axeitado desenvolvemento económico e social.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.