Día Internacional da Clase Traballadora: actos do 1º de maio na provincia

Share Button

Este domingo, 1 de maio, celébrase o Día Internacional da Clase Traballadora, que conmemora a loita da clase obreira en todo o mundo, cun marcado carácter reivindicativo que hoxe volve a ser especialmente necesario.

Como vén sendo habitual, os sindicatos obreiros organizan grandes manifestacións nas cidades e vilas de toda España para esixir traballo, melloras salariais e condicións laborais dignas. No manifesto conxunto Contra a pobreza salarial e social: traballo e dereitos, os sindicatos UGT e CCOO esixen un “cambio urxente na política económica no noso país, que poña no centro a creación de emprego estable e con dereitos, e a loita contra a pobreza e a desigualdade social e salarial, a partir de incrementar o investimento público e pór en marcha un cambio de modelo produtivo, sustentable e equilibrado”.

O noso partido apoia, como cada ano, estes actos e reivindicacións do 1º de maio. En Ferrol terá lugar ás 11 da mañá unha ofrenda floral no monumento de Pablo Iglesias, que estará seguida dunha manifestación que sairá ás 12 da mañá da Praza do Inferniño. Na cidade de A Coruña haberá ás 10 horas unha entrega floral no Cemiterio Civil, unha entrega floral na Praza Pablo Iglesias ás 11 e unha manifestación ás 12 horas con saída da Praza da Palloza. En Santiago de Compostela a ofrenda floral terá lugar ás 11 da mañá e a manifestación unha hora despois, con saída na Alameda.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.