Eleccións xerais e autonómicas á vista

Share Button

Tras varios meses de negociacións e incertidume, nos últimos días o panorama político comezou a clarexarse en varios aspectos fundamentais.

Por un lado, confirmouse o fracaso das negociacións para formar goberno e haberá novas eleccións xerais o 26 de xuño, unha situación inédita na actual etapa democrática. Tralas eleccións do pasado 20 de decembro, e confirmada a renuncia de Rajoy a someterse á investidura, o noso partido asumíu o reto de tentar formar un goberno de cambio. Aceptando a complexidade e a pluralidade do novo escenario político, a dirección federal apostou por un acordo transversal e de amplo calado, do que formasen parte tanto Ciudadanos como as forzas de esquerda (Podemos, IU e algunhas formacións nacionalistas), pero ó mesmo tempo deixando claro que a nosa formación non renunciaría ós seus sinais de identidade e ós seus principios programáticos básicos.

O PSOE puido ter cometido algúns erros neste proceso, algo comprensible tendo en conta a enorme complexidade da actual situación política. Con todo, cremos que deben ser recoñecidos os varios acertos e os aspectos novidosos que o partido puxo sobre a mesa nestes meses de negociación: a participación da militancia, a publicación en aberto dos documentos que guiaron as conversas ou o contacto con numerosos colectivos e axentes sociais.

Finalmente as negociacións fracasaron. Foi posible acadar un acordo con Ciudadanos, pero o goberno de cambio non saíu adiante por mor do bloqueo (voto en contra) de Podemos. Temos a impresión de que as razóns de que o acordo non fraguase teñen máis que ver con egos e ambicións persoais que coa imposibilidade de acadar un pacto programático de mínimos. O caso é que haberá que repetir eleccións, co conseguinte custo para as arcas públicas e despois de seis meses de goberno en funcións da dereita, un período de tempo no que poderían terse implementado medidas de progreso social beneficiosas para a cidadanía. Queda en mans do electorado xulgar co seu voto as actitudes e accións duns e doutros.

O outro ámbito no que se produciron novidades relevantes é o autonómico. Feijóo vén de ser confirmado como candidato a uns comicios que, finalmente, semella que terán lugar en outubro. Desbotouse, así, a posibilidade dun adianto electoral que fixese coincidir as autonómicas coas xerais do 26 de xuño.

O noso partido chegaba a estes comicios nunha situación de certa dificultade trala renuncia de Gómez Besteiro como candidato e Secretario Xeral do PSdeG, motivada polos procesos xudiciais en curso. A situación está en vías de solventarse de maneira satisfactoria, xa que o noso partido ten aberto un proceso de primarias que conta xa con tres excelentes precandidatos: o voceiro no Parlamento galego José Luis Méndez Romeu, o profesor universitario e exdeputado autonómico Xaquín Fernández Leiceaga e o tamén profesor universitario e militante vigués Gonzalo Caballero. A xornada de votación terá lugar o 28 de maio en tódalas agrupacións socialistas de Galicia.

Como non podía ser doutro xeito, a Agrupación Socialista de Cariño achegará a súa participación e o seu esforzo solidario tanto nos procedementos orgánicos como nas precampañas e campañas electorais que se aveciñan. E farémolo sendo perfectamente conscentes de que uns e outras teñen un mesmo obxectivo final: construír a alternativa que as xentes deste país necesitan para recuperar a esperanza e mellorar as súas condicións de vida.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.