Primarias PSdeG: traballando na Galicia do futuro

Share Button

O proceso de primarias para a elección do candidato do PSdeG-PSOE ás eleccións autonómicas do vindeiro outono, do que xa falamos aquí en días pasados, prosegue o seu curso. Trala recollida de avais e rematado o prazo de alegacións, veñen de ser ratificadas oficialmente as candidaturas de José Luis Méndez Romeu e de Xaquín Fernández Leiceaga (ambas fotos tomadas das edicións dixitais do medios galegos). A terceira precandidatura presentada, a do compañeiro vigués Gonzalo Caballero, non prosperou ó non acadar os 1.010 avais, cifra fixada neste proceso interno e correspondente ó 10 % da militancia do PSdeG. Finalmente, Méndez entregou 2.539 avais, Leiceaga 2.216 e Gonzalo Caballero 820.

Así pois, máis de 10.000 militantes do PSdeG están chamados a votar nas agrupacións de toda Galicia o sábado 28 de maio. Os dous candidatos manteñen dende hai días unha intensa axenda de encontros coa militancia, así como unha destacada presenza nos medios de comunicación: un proceso aberto e participativo, de debate público, que non ten paralelismo posible en ningunha das outras forzas do panorama político galego.

Con independencia de cal sexa o resultado final, cremos que irá en beneficio do PSdeG e da construcción da auténtica alternativa de esquerdas e de progreso que a sociedade galega necesita. Seguiremos informando.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.