Primarias socialistas: Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG nas vindeiras eleccións autonómicas

Share Button

O pasado sábado, 28 de maio, tiveron lugar nas agrupacións socialistas de toda Galicia as eleccións primarias para elexir ó candidato do PSdeG-PSOE para as eleccións autonómicas do vindeiro outono. Como xa temos apuntado nesta web, dous eran os candidatos que chegaron á fase final do proceso tras recoller o número de avais suficiente: Xaquín Fernández Leiceaga (na foto, tomada da edición dixital de El País) e José Luis Méndez Romeu. Cunha participación notable, do 65 % (en torno a 6700 militantes), Leiceaga resultou gañador ó colleitar 3662 votos fronte ós 2916 acadados por Méndez Romeu.

Cómpre en primeiro lugar recoñecer a calidade democrática do proceso. A día de hoxe, a participación nunhas verdadeiras primarias mediante voto segredo en urna é case un privilexio reservado á militancia socialista, fronte ós congresos impostados duns e as supostas primarias doutros (cauteladas polo aparato, con ridículas cifras de participación e escasas garantías democráticas). Tanto os dous candidatos ás primarias socialistas como un terceiro precandidato que non acadou o número necesario de avais (Gonzalo Caballero) estiveron semanas percorrendo Galicia, explicando o seu proxecto e atendendo ós medios de comunicación. O nivel do debate político debe calificarse de alto e construtivo, polo cal só cabe felicitar ás persoas que concurriron a estas eleccións internas.

Na Agrupación Socialista de Cariño a participación foi tamén elevada, sendo José Luis Méndez Romeu o candidato apoiado de maneira moi maioritaria pola nosa militancia (que recoñece tamén, de maneira unánime, as innegables cualidades de Leiceaga para liderar con garantías a candidatura do partido nas vindeiras eleccións autonómicas).

Para rematar esta entrada, queremos felicitar de maneira moi especial a Xocas pola súa victoria, pero tamén a Méndez Romeu polo seu bo traballo. O gañador destas primarias é, sen dúbida, o PSdeG, que sae reforzado e disposto a loitar para que o vindeiro presidente da Xunta sexa socialista. Nesa dirección imos a traballar, como non podía ser doutro xeito, dende a Agrupación Socialista de Cariño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.