25 anos de independencia municipal: discurso de Ana Fachal

Share Button

Continuamos coa publicación de entradas relacionadas co acto que celebramos o pasado sábado 2 de marzo no Auditorio Municipal, en conmemoración do 25 aniversario da Segregación. Aquí tes o discurso que pronunciou a Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, Ana Fachal Fraguela, na apertura do evento. Queremos resaltar que esta é a entrada número 500 na páxina principal desta web.

Hoxe síntome moi orgullosa de estar neste auditorio para conmemorar con todos vós, neste acto, o ano do 25 aniversario da segregación do Concello de Cariño, o que poderiamos chamar as nosas vodas de prata como concello independente. Desde hai uns meses na nosa Agrupación estivemos falando que este cuarto de século de andadura debería ter un recoñecemento especial e pensamos nunha serie de actos para celebralo. En todo momento tivemos e temos en conta que aínda que sexan actos promovidos pola Agrupación Socialista de Cariño, non teñen ningunha intención partidista senón que queremos integrar a toda a cidadanía cariñesa que foi a que fixo posible coas súas firmas e reivindicacións e coa coordinación da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño que hoxe esteamos aquí celebrándoo. Moitas persoas, con diferentes formas de pensar e ideoloxías, foron capaces de unirse cunha causa común para que hoxe Cariño sexa unha realidade como Concello. Eu non vou entrar en detalles de como se foi desenvolvendo todo o proceso de segregación, entre outras cousas porque un dos seus protagonistas foi o noso compañeiro José Luis Armada Castro e quen mellor ca el para que na súa intervención nos fale con máis detalle sobre como se traballou para conseguilo.

Hoxe este acto está dedicado ás persoas que integraban a directiva da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño na data da Segregación (21 de xaneiro de 1988), ás que lles debemos un especial recoñecemento. Máis adiante temos pensado outra actividade que consistirá nunha mesa redonda onde se tratarán temas relacionados coa xestión municipalista. Todos sabemos que desde hai algún tempo se está falando de volver a fusionar concellos e sobre este e outras cuestións está pensada esa mesa de debate. Pretendemos rematar cun terceiro acto no que faremos unha revisión de tipo documental destinada a divulgar material gráfico, de hemeroteca e audiovisual relacionado coa segregación e con estes 25 anos de historia municipal. A estes próximos eventos, xa desde aquí, vos convido a todos a que asistades, pero como fixemos para este acto todas as asociacións e agrupacións municipais, así como os diferentes grupos políticos que conforman a corporación municipal recibirán no seu momento a invitación correspondente e serán anunciados para todos os cariñeses coa debida antelación.

Na miña memoria conservo tres momentos importantes para a historia de Cariño nos que toda a cidadanía se mobilizou para conseguir un claro obxectivo común. O primeiro deles foi a campaña de mobilización para reivindicar o instituto; acordádevos das manifestacións ou dos barcos que foron á Coruña en sinal de protesta, todo para que os rapaces e rapazas de Cariño puidésemos ter unha educación digna sen ter que percorrer 40 quilómetros de ida e volta ata Ortigueira, pois naqueles momentos aínda non éramos unha entidade como concello. Hoxe, como podedes ver, incluso temos un instituto novo. Logo o segundo momento e sen dúbida máis importante foi toda a xestión e mobilización que nos levou a que a día de hoxe sexamos un concello independente na comarca de Ortegal. A recollida de firmas, as xestións administrativas nas que as persoas ás que hoxe queremos recoñecer e facer unha modesta homenaxe tiveron unha especial relevancia, pois foi un proceso longo e difícil, no que algunhas persoas foron quedando polo camiño.

Este acto podémolo celebrar aquí porque agora temos auditorio municipal, agora temos polideportivo, campo de fútbol, casa do concello, centro de saúde, un paseo marítimo que moitos concellos quixeran, depuradora, piscina, servizo de atención ás persoas con dependencia e moitos outros servizos que como concello fomos conseguindo paso a paso e que creo que nestes 25 anos fixeron que a calidade de vida de todos os cariñeses mellorase.

E un terceiro feito que todos temos na nosa memoria máis recente foi a campaña para reivindicar o servizo de gardas presenciais que estábamos a punto de perder e a presenza dunha ambulancia as 24 horas, pero isto xa o fixemos como concello.

Nos tres casos creo que a cidadanía cariñesa estivo á altura das circunstancias e así confío en que o siga estando en todo momento que sexa necesario reivindicar algo que sexa unha mellora para os cidadáns deste concello. Porque nestes tempos de profunda crise seguro que haberá momentos nos que todos debamos facer unha fronte común; temos aínda moi próximas as mobilizacións para contar co servizo de pediatría.

En fin, non me quero estender na miña presentación; só desde aquí dar as grazas a todas as persoas que fixeron que Cariño sexa un concello con entidade propia e animarnos a todos para que todas aquelas cousas que fomos capaces de conseguir nestes 25 anos non as deixemos caer no esquecemento e a seguir loitando por un concello mellor á altura do que todos os cidadáns de Cariño merecemos.

Moitas grazas.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.