Resumo da sesión plenaria do 2 de febreiro de 2016

Share Button

Facemos nesta entrada un breve resumo da sesión plenaria do Concello de Cariño que tivo lugar o pasado 2 de febreiro. Foi un Pleno intenso, con dez puntos na Orde do Día, e no que estiveron presentes oito dos once edís que compoñen a corporación municipal.

Comezou dándose coñecemento da renuncia de Montserrat Pérez Pena como concelleira do Partido Popular. O Alcalde, José Miguel Alonso Pumar, fixo constar que neste mesmo mes de febreiro terá lugar un Pleno Extraordinario no que tomará posesión –tralos trámites preceptivos- o concelleiro encargado de substituila. De seguido a acta da sesión plenaria anterior foi aprobada por unanimidade.

Tamén resultou aprobada por unanimidade a rectificación anual do inventario de bens municipal, ratificándose a entrada de tres novas propiedades: un novo coche da Policía Local, unha moto tamén para a Policía Local e o coñecido como Taller do Ferreiro, que acollerá o futuro Centro Social de Sismundi.

Aprobouse a continuación a Ordenanza de emerxencia social, incorporando algunhas melloras suxeridas polos membros da corporación nas comisións previas. Na práctica esta ordenanza suporá que as axudas pasen a adxudicarse mediante parámetros máis claros e delimitados, tendo en conta diversos factores que afecten á situación persoal ou familiar dos solicitantes.

O Regulamento de parellas de feito resultou aprobado por unanimidade e case sen debate. Tratábase de facer útil o regulamento –que quedara obsoleto trala aprobación por parte da Xunta de Galicia dunha nova lei de parellas de feito en 2011- e adaptalo á nova lexislación autonómica, facilitando así os trámites ás parellas que escollan esta fórmula de unión.

O punto que suscitou máis expectación foi a aprobación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles. A entrada en vigor desta ordenanza suporá que, pola utilización de espazo público, os tres bancos que contan en Cariño con caixeiro automático na rúa aboarán ó Concello unha taxa anual de 1361’93 euros, establecida a partir dun informe dos servizos técnicos municipais (calculando o espazo que ocuparía o caixeiro automático na oficina bancaria, uns 3 m2 cumprindo a normativa de accesibilidade, e aplicándolle unha porcentaxe sobre o valor catastral do solo na ubicación deste). Este punto suscitou certo debate e foi finalmente aprobado con cinco votos a favor d@s concelleir@s de PSdeG-PSOE e BNG e tres abstencións d@s concelleir@s do PP e AECA. O Goberno Municipal xustificou esta ordenanza na conveniencia de que as entidades bancarias acheguen o seu gran de area ó ben común nestes momentos de dificultades para a cidadanía.

Deuse paso, a continuación, á aprobación do Plan de Aforro e Investimento 2016. O Goberno Municipal decidíu invertir a totalidade do préstamo provincial (136.000 euros a tipo de interés 0%) na amortización parcial do préstamo estatal, aforrando así uns 8.000 euros nos intereses deste último. Os outros grupos da corporación fixeron propostas diferentes, pero finalmente resultou aprobada a proposta do Goberno Municipal con catro votos d@s concelleir@s do PSdeG-PSOE e catro abstencións d@s concelleir@s do PP, BNG e AECA.

No apartado de mocións o Goberno Municipal introduxo por vía de urxencia unhas correccións técnicas de carácter menor que a Deputación aconsellou aplicar no proxecto do Centro Social de Sismundi, actualmente en proceso de avaliación no ente provincial xa que será sufragado con cargo ó Plan de Obras e Servizos (POS) deste ano 2016. Tanto a urxencia da moción como o contido da mesma resultaron aprobados por unanimidade.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.