Arranca o 2020

Share Button

Non podemos agochar que 2019 foi un ano bastante satisfactorio en termos políticos. En Cariño renovamos o Goberno Municipal con maioría absoluta, mentres que a nivel estatal o noso partido gañou por partida dobre as eleccións xerais. No resto dos comicios que tiveron lugar o resultado foi moderadamente satisfactorio. O ano rematou coa noticia de que a investidura para un goberno progresista en España está a piques de concretarse, tal como vén de quedar confirmado esta mesma tarde. Agardamos que o 2020 sexa tamén o ano do cambio político na Xunta de Galicia. Queda moito por facer en tódolos ámbitos, pero estamos no bo camiño.

Por varias razóns non puidemos manter en 2019 a frecuencia de publicación desexable nesta páxina web. Publicamos só 10 entradas, a maioría relacionadas coa precampaña e campaña das eleccións municipais. Aínda que na Agrupación Socialista de Cariño temos outra canle de comunicación virtual que é a páxina de Facebook, na que publicamos contidos a cotío, agardamos ter mellor atendida esta web no ano que comeza. En 2019 esta plataforma online cumpríu unha década co seu formato actual de publicación regular de entradas nesta páxina principal. Dende o ano 2003 a nosa Agrupación mantén unha presenza continuada na rede co dominio psoecarino.org. Aínda que temos a vocación de mellorar día a día, o certo é que ningunha outra forza política no noso Concello ten amosado este nivel de compromiso coa información e a participación en internet.

Como facemos habitualmente en cada cambio de ano, queremos tamén lembrar a compañeir@s de partido e a outras personas do ámbito da esquerda que nos deixaron en 2019 e que nos inspiraron coa súa acción política ou coas súas ideas. Sen ánimo de exhaustividade, e pedindo desculpas polas omisións, vaia o noso recordo e recoñecemento para Camilo de Dios, Octavio Dopico, Raúl Fernández, Rafael Mato, Chelo Rodríguez López, Pilar Valiño, Vicente Álvarez Areces, Santos Juliá, Eduardo Martín Toval, Alfredo Pérez Rubalcaba, Darío Rivas, Juan Trías Vejarano, Marta Harnecker e Immanuel Wallerstein.

Desexámosche o mellor para o 2020.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.