Arranca a lexislatura: Alonso Pumar, reelexido Alcalde de Cariño

Share Button

Este sábado, 15 de xuño, ás 12 da mañá arrancou a novena lexislatura na historia municipal de Cariño coa celebración da sesión de investidura. Como xa estaba previsto, o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar foi reelexido Alcalde de Cariño co voto d@s sete concelleir@s socialistas elect@s o pasado 26 de maio (na foto, o novo Grupo Municipal Socialista).

Alonso Pumar arrancou o seu mandato cun emotivo discurso que reproducimos a continuación:

Compañeiros e compañeiras, Concelleiros, Secretaria Municipal, familiares, amigos e, sobre todo, veciños e veciñas que esta mañá nos acompañades neste solemne evento.

O pasado 26 de maio os cariñeses acudiron ás urnas para expresar a súa vontade libre e democrática e hoxe, dacordo á normalidade institucional e aos prazos establecidos pola lei, configuramos unha nova corporación local. Esta é a novena corporación que terá Cariño na historia da nosa nova democracia.

Quero por iso comezar dando a benvida a todas as concelleiros e concelleiros da nova corporación, ofrecendo unha primeira mensaxe de necesaria cordialidade e compromiso: e é que espero que todos sexamos conscientes do que supón este momento, e da responsabilidade que asumimos para os próximos anos, que é moito máis que un simple ou sinxelo xogo político.

Hoxe constitúese a corporación dun Concello que é o froito do que os veciños expresaron hai escasas datas, cun resultado que foi concluínte. Os veciños do noso municipio outorgaron a súa confianza maioritaria a un equipo que representa un modo concreto de facer política: o da política baseada no respecto ás persoas e na defensa da igualdade de oportunidades. E quero por iso que as miñas primeiras palabras sexan de agradecemento para eses 1.218 veciños e veciñas que confiaron no proxecto que representamos e que supuxeron máis do 57% dos electores. Estámoslles enormemente agradecidos por crer nun proxecto amable, meditado e realista. Unha folla de ruta que comunicamos con nitidez á veciñanza desde o primeiro día; unha liña argumental que nunca tivo medias tintas e que procura defender os intereses da maioría.

O noso é un proxecto que estivo desde o principio realmente comprometido con Cariño, e con ningún outro interese que non fose seguir traballando da man dos nosos veciños e para os nosos veciños.

Quizais sexa razoable pensar que o resultado electoral fose consecuencia dese pacto real e sinceiro co pobo, un respaldo que nos achega máis enerxía. E xa se sabe que a enerxía non se destrúe, senón que se transforma. E nós queremos convertela en máis e mellor capacidade de traballo.

Pero quero dicir tamén que hoxe, como sempre fixen, este alcalde ponse ó servizo de todos cantos apoiaron a outras forzas políticas e tamén, por suposto, a disposición de quen lexitimamente decidíu, por algún motivo, non acudir a votar. Tentaremos gañarnos con traballo, honestidade e sinxeleza, a confianza e o respecto de todos e cada un deles.

E ídesme a permitir agora tamén neste momento inicial de agradecementos que teña unhas palabras de agarimo para quen se vai. Para todos os concelleiros saíntes: José Manuel, Alberto, Taracido ou Puri. Graciñas no meu nome, pero seguro que tamén no nome dos veciños, polo voso traballo en prol do ben colectivo de Cariño.

Tamén quero facer unha mención especial para eses tres compañeiros que durante estes últimos catro anos fixéronme medrar fundamentalmente como persoa, porque creo que precisamente iso, ser persoa, é a principal virtude que debe ter quen queira dedicarse á política. Son eses tres compañeiros cos que viaxei durante este tempo nun barco que foi quen de saír da tormenta; que nunca botou áncoras porque o noso proxecto non entende de cansazos, hastíos ou descansos. Unha e outra vez tratamos de estar no lugar axeitado para non fallar ós nosos veciños. Sabemos que non sempre o conseguimos, pero tentámolo desde a honestidade.

Así que moitas grazas por todo, compañeiros. Grazas Alberto, María José e Jonathan.

Sabedes ben que nestes días desde as eleccións foron moitas as persoas que nos felicitaron. Por suposto nós agradecémolo moito, pero a mellor das respostas que podemos dar é a do traballo constante combinado con tres factores fundamentais:  a sensibilidade, a humildade e a humanidade.

Dicía Tierno Galván, fantástico alcalde socialista da cidade de Madrid, que “é difícil ser bo e forte á vez. E, polo común, canto máis forte é un, menos razón se ten”.

Polo tanto, coidado: a forza do novo goberno, un goberno en maioría porque así o quixeron os nosos veciños, non debe nublar a nosa razón. Habemos de continuar sendo absolutamente honestos e xustos nas nosas decisións. Porque a igualdade e a xustiza nesas decisións que se tomen non só nos converterán en mellores políticos, senón que nos farán mellores persoas a todos cantos debemos convivir no noso pobo, trasladando unha clara mensaxe de garantía de presente e, por tanto, tamén de futuro.

Reafirmo o meu compromiso de garantir que a nosa administración pública, a que sostemos entre todos os veciños e veciñas, sexa a principal aliada de cada un de nós. Vou centrar boa parte dos meus esforzos en que a acción da administración local sexa xusta e igualitaria para todos; en obter o mellor rendemento da estrutura pública municipal. Porque un Concello debe ser o principal aliado -e en ningún caso un inimigo- da veciñanza.

Iso implicará que a transparencia será un dos eixos centrais da acción do goberno, tal e como recolle o noso programa electoral. Poñeremos en marcha medidas que procuran afondar nun mellor e máis claro coñecemento por parte dos cidadáns do funcionamento desta institución pública, así como da xestión dos seus recursos. Porque queremos unha administración transparente como o cristal.

Señores concelleiros e concelleiras, amigos e amigas: Cariño non foi alleo á durísima crise económica que atravesou o planeta, con especial incidencia no noso país, onde determinadas realidades estruturais fixeron efecto fundamentalmente no emprego, provocando unha enorme brecha entre a gran maioría social e unha pequena clase privilexiada totalmente deshumanizada. No noso pobo, e froito dunha conxuntura empresarial que a ninguen escapa, as consecuencias da crise víronse acentuadas.

Pouco pode facer un goberno local como o que desde hoxe volvo a encabezar por loitar contra o resultado contable negativo desta ou aquela empresa privada. Pero teño claro que si podemos facer moito no campo directo das nosas competencias, que pasan por apoiar a quen pretende botar a andar o seu proxecto empresarial, rebaixar atrancos burocráticos, despregar unha zona industrial no novo PXOM, loitar no fomento dun maior e mellor turismo de excelencia ou traballar conxuntamente cos concellos veciños na transición do modelo económico produtivo da nosa comarca. E para acadar isto último o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal está chamado a ser a ferramenta necesaria sobre a que deban xirar boa parte das sinerxias do traballo institucional. Porque un turismo de calidade baixo o paraugas promocional da Unesco non só xerará o caldo de cultivo necesario para crear oportunidades de negocio no sector terciario da economía local senón que ademais acadará mellores condicións laborais para os empregados do sector servizo no noso pobo. Precisamos unha sociedade laboralmente máis activa e equilibrada, porque só así será máis igualitaria.

Estamos ao dispor de todos os empresarios locais, pero tamén daqueles que non sendo de aquí vexan en Cariño un nicho de oportunidade para desenvolver a súa idea de negocio. Debemos entender que podemos ser capaces de facer aínda mellor as cousas; capaces de detectar onde están os problemas para optimizar o modo en que canalizamos o noso cada vez máis crecente turismo; capaces de colaborar para que a organización de eventos de tipo cultural ou deportivo sexa aínda mellor e posible entre todos. Disto último, cómpre dicilo, vimos de dar grandes e recoñecidos exemplos como sociedade. Porque en Cariño somos así, solidarios e colaborativos.

E farémolo salvando o necesario equilibrio orzamentario municipal, felizmente xa restablecido e absolutamente necesario para o mantemento e avance firme dos servizos públicos locais.

É por iso que non debemos conformarnos, porque das nosas accións de hoxe dependerá o mañá dos nosos fillos. Debemos ser escrupulosamente responsables, e máis esixentes que nunca con nós mesmos porque hai concellos, non moi lonxe do noso municipio, que fixándose no referente de Cariño e impulsaron accións públicas similares ás que nós puxemos en marcha de maneira pioneira.

Porque cando falo de turismo, falo tamén de industria, de comercio, de pesca, de marisqueo, de artesanía… En definitiva, de desenvolvemento local.

Pero tamén imos a facer fincapé en pretender o mellor benestar da veciñanza, o outro gran sustento do ideario daqueles que nos sentimos progresistas e comprometidos coa xente.

Vós, os veciños e veciñas da Pedra, Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, ides ser por este motivo centro de cada unha das nosas accións de goberno. E é por iso que nos comprometemos a emprender toda unha serie de intervencións sociais, insistindo particularmente en dous dos sectores poboacionais que máis o precisan: os nosos mozos e os nosos maiores.

Camiñar definitivamente cara a posta en funcionamento do Centro de Día e artellar alternativas de ocio para os rapaces son para este equipo de goberno obxectivos ineludibles. Como é lóxico, manteremos e melloraremos algúns dos servizos xa postos en marcha na lexislatura que remata, particularmente aqueles que teñen que ver coa conciliación da vida laboral; falamos, por exemplo, dos campamentos de conciliación “Concilia Cariño” e do Punto de Atención á Infancia. Pero tampouco nos esqueceremos de afianzar aínda máis o estreito vínculo de apoio conxunto creado entre o Concello e os colectivos sociais, deportivos ou culturais que existen no noso municipio, sempre desde a absoluta lealdade. Con eles xa establecemos relacións de colaboración altruista e voluntaria, pero tamén unha liña de axudas e convenios que permiten que a actividade que desenvolven afiance o gran obxectivo común da cohesión social cariñesa e da conservación das nosas tradicións.

En materia de Urbanismo, seguiremos apostando polo Plan Especial do Casco Vello, un instrumento que a medio prazo está chamado a permitir a rehabilitación e conservación da esencia arquitectónica do noso pobo, ademais de xerar toda unha fonte de oportunidades nos sectores laborais vencellados coa construcción. Sempre con altura de miras, e como digo garantindo a conservación da nosa contorna urbana.

E imos iniciar a aprobación dun novo Plan Xeral de Urbanismo para garantir un mellor futuro a Cariño, dispoñendo cantas accións sexan necesarias para permitir o desenvolvemento de zonas de asentamento industrial. Un ordenamento urbanístico racional e o respecto ó Medio Ambiente serán as únicas liñas vermellas.

Remato, concelleiros e concelleiras, estimados veciños e veciñas.

Como vedes, o proxecto do goberno que me toca dirixir compromete medidas propias de calado, incluídas no programa electoral que presentamos hai semanas ós veciños e que, como dicía, obtivo o respaldo maioritario dos habitantes deste concello. Un programa completo e cheo de propostas ilusionantes e realistas que, unha vez máis, trataremos de executar tanto como nos sexa posible.

Abofé que algunhas desas propostas son compatibles coas doutros partidos políticos aquí representados. Os socialistas de Cariño, hoxe máis que nunca e como xa temos acreditado en numerosas ocasións, tendémoslles a man á colaboración institucional e asumiremos como propias cantas actuacións e propostas coincidentes cos intereses e prioridades de Cariño nos fagan chegar.

Considérome unha persoa traballadora e honesta, e teño na mesma consideración á voceira do Partido Popular e ó voceiro do Bloque Nacionalista Galego; humildemente creo tamén ser unha persoa dialogante. Polo tanto no que de min dependa non vou desfalecer no empeño de atopar puntos de consenso entre todos nós.

A ambos partidos asegúrolles que os concelleiros socialistas e eu mesmo non teremos problemas á hora de asumir propostas sensatas que deban vir a este Pleno no seu nome.

E é que estou seguro de que as ideas se sementan, para recoller delas programas e accións concretas de presente e de futuro. Accións que transforman. As ideas permiten cambiar o mundo, tamén en concellos como Cariño.

E é por iso que estamos comprometidos, sen temor, a debater impresións que fagan posibles accións concretas de goberno, convencidos de que serán as boas ideas as que sigan permitindo, como ata agora, o progreso de Cariño.

Non estarei só nesta tarefa. Teño ao meu lado un bo equipo. Un moi bo equipo. Seis concelleiras e concelleiros apaixonados por comezar unha experiencia que nos fará grandes como persoas xunto a todos vostedes, cada día. Jonathan, María José, Alberto, Carmen, Ana e Belén. Non foi fácil chegar ata aquí, como moi ben sabedes. Pero aquí estamos, con absoluta humildade e dispostos a traballar. Porque diso se trata, de traballar arreo.

Apoiados por outras moitas persoas, como aquelas que integraron a nosa candidatura: Lois, Carmen, Jose, Marisa, Iria, Lorenzo, Sara, Suso e Maruja. Moitísimas grazas, de verdade, por todo o voso apoio.

E xa si termino, amigas e amigos. Hai catro anos entendín que debía dar un paso á fronte, primeiro porque así mo pediron os meus compañeiros de partido, e despois porque realmente sentía que podía colaborar en mellorar o que para min é o máis fermoso lugar do mundo: Cariño.

Pero quero que todos saibades hoxe que ademais dese respaldo dos compañeiros do PSG-PSOE atopei tamén o apoio sen condicións da miña familia, especialmente o da miña muller, o de Mabel, a quen hoxe quero dicirlle que tratarei de seguir equilibrando da mellor maneira posible a miña actividade como alcalde coa de marido e pai. Estou tan convencido de que entre Martín, ti e máis eu seremos quen de acadalo como de que o meu pobo saberá respectalo sen dúbidas e como ata o de agora.

Espero, veciños e veciñas, non equivocarme moito pero xa vos digo que cando o faga non dubidarei en pedir perdón. Nunca tiven tal dúbida, porque non temo chamar as cousas polo seu nome. Porque quero ao meu pobo; porque aquí nacín e aquí me criei. Cando toque tomar unha decisión complexa… poderá alguén no seu san xuizo pensar que procuro algo malo para o meu concello?. A resposta é tan clara como rotunda: NON.

E é por este motivo que pido a todos un exercicio de crítica construtiva, que sirva para mellorar as cousas, pero non para destruír, e menos aínda por razóns que nada teñan que ver co ben xeral das cariñesas e dos cariñeses. As cousas costan moito, moitísimo traballo construilas, sabémolo ben aqueles que lle temos roubado moitas horas ao sono, pero abondan só 5 minutos para desfacelas.

Porque a crítica destructiva non se converte unicamente nun ataque contra quen goberna, senón que habitualmente dana o bo nome e o futuro do noso pobo cando se ten a capacidade de proxectar unha mala imaxe de Cariño, a marca que debemos coidar entre todos.

Dividirnos faranos débiles; unirnos, pola contra, faranos fortes.

O noso non é un pobo calquera. E non o é grazas ao esforzo pasado e actual de moita xente. Por iso sinxelamente confiamos nos e nas cariñeses e cariñesas. E tamén por iso comprometinme a actualizar e a rexuvenecer o noso proxecto, sen desvaluar o grao de traballo e constancia empregados no pasado, moi ao contrario, elevándoos para que no horizonte do medio prazo Cariño albisque os froitos que todos desexamos grazas as sementes que hoxe mesmo comezamos a sementar.

Tendémosvos a man, e lanzámosvos unha invitación que á súa vez é un compromiso: debemos facelo entre todos. Debemos ser capaces de gañar o noso futuro; por suposto por todos cantos están, pero tamén para render a mellor das homenaxes a aqueles que marcharon deixándonos para sempre un inesquecible recordo de loita e esforzo. Deles aprendemos.

Moitas grazas e boa sorte.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.