Eleccións municipais en Cariño: algunhas reflexións

Share Button

Superadas as emocións iniciais, chega o momento de facer unha reflexión máis pausada sobre os resultados electorais do pasado domingo 26 de maio en Cariño.

Como é ben sabido, o noso partido gañou as eleccións municipais con maioría absoluta. Cunha participación do 63,6 %, obtivemos 1.218 votos que supoñen o 57,21 % dos emitidos. O Partido Popular (PP) foi a segunda forza con 583 votos (27,38 %). Finalmente, a candidatura do Bloque Nacionalista Galego (BNG) obtivo 307 votos (14,42 %). Estes resultados proporcionan ó PSdeG-PSOE un total de sete concelleiros/as, así como tres ó PP e un ó BNG.

A comparación cos resultados das eleccións europeas, que tiveron lugar o mesmo día, ofrece un panorama interesante. A participación foi case tres puntos inferior (60,94 %), pero, mentres PP e BNG practicamente manteñen o mesmo apoio que nas municipais (553 votos, 27,3 % PP; 309 votos, 15,25 % BNG), o noso partido incrementa en case vinte puntos o apoio nos comicios locais con respecto ós europeos, nos que obtivemos 786 votos (38,8 %). A progresión no apoio é tamén moi notable con respecto ás municipais de 2015, nas que a nosa candidatura obtivera 856 votos e unha porcentaxe do 37,74% cunha participación practicamente idéntica (63,23 %), aínda que entón concurrira unha cuarta candidatura (AECA).

Polo tanto, a victoria socialista foi rotunda, superando amplamente ás outras forzas políticas en cada unha das seis mesas do termo municipal. Dende a Agrupación Socialista de Cariño entendemos estes resultados como un claro respaldo ó traballo realizado nesta lexislatura polo equipo liderado por José Miguel Alonso Pumar. Está claro que cometemos erros, que nós mesmos recoñecemos, pero en liñas xerais a cidadanía aproba o traballo realizado. Tamén entendemos que os resultados reflexan o apoio á nosa proposta para os vindeiros catro anos, tanto no que respecta ó programa de goberno como ó equipo humano. Non por último menos importante, consideramos asemade que os resultados supoñen un recoñecemento ó traballo colectivo realizado polo socialismo cariñés ó longo dos anos, poñendo sempre os intereses da cidadanía por diante dos partidistas.

De feito, os resultados do pasado domingo confirman ó noso partido como gañador en seis dos últimos nove comicios municipais en Cariño (1987, 1991, 2003, 2007, 2015 e 2019). Constitúen, ademais, o mellor resultado histórico obtido polo noso partido nunhas locais e a segunda maioría absoluta trala acadada hai 28 anos (en 1991) polo compañeiro José Luis Armada Castro. Tampouco hai que esquecer os excelentes resultados acadados noutros concellos do Ortegal, concretamente en Cedeira, Cerdido e Ortigueira, polos que tamén cómpre felicitar ós equipos liderados por Pablo Moreda, Benigno Galego e Juan P. Muras. O PSdeG-PSOE obtivo nove maiorías absolutas nos 20 concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que confirman o bo facer do partido, dos executivos socialistas e os froitos da súa colaboración e bo entendemento a nivel comarcal.

A constitución da nova corporación terá lugar o sábado 15 de xuño e o novo Grupo Municipal Socialista estará conformado por José Miguel Alonso Pumar, Jonathan Miranda, María José Fraguela, Alberto Iglesias, Carmen del Río, Ana Fachal e Belén Gómez. Trátase dun excelente equipo, que combina experiencia con novas caras e no que hai máis mulleres que homes. Repiten os catro edís da pasada lexislatura, volta á corporación Ana Fachal (que xa fora concelleira entre 2003 e 2011) e incorpóranse Carmen e Belén con moitas ideas novas e gañas de traballar.

Como xa fixemos nas redes sociais, queremos expresar o noso agradecemento ás persoas que apoiaron este proxecto e tamén ás que, sen facelo, decidiron participar nesta cita electoral. O apoio recibido constitúe unha enorme responsabilidade e reforza o noso compromiso ante unha cidadanía que, sabémolo ben, acostuma a ser crítica e esixente. Tamén é xusto recoñecer o esforzo realizado polas outras dúas candidaturas que participaron nestes comicios, levando a cabo unha campaña electoral que, en liñas xerais, resultou correcta e respectuosa. É a nosa intención, como sempre fixemos, contar coas súas aportacións e os seus puntos de vista. O noso Concello ten importantes retos por diante e a diversidade de puntos de vista é un dos piares fundamentais nunha sociedade democrática, polo que aquí non vai a sobrar ninguén que queira traballar por unha sociedade de progreso, solidaridade e benestar.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.