O PSOE cariñés non escribe en blogs cobardes e indecentes

Share Button

Entre as páxinas web de temática local cóntase un blog anónimo chamado Os Aguillóns. Este blog caracterízase por defender dende o anonimato os argumentos dunha parte da dereita cariñesa e por acoller, sen ningún tipo de moderación, comentarios –tamén anónimos- nos que predomina a calumnia, o insulto e a desinformación.

A pesar de que o noso partido e os seus responsables somos os principais destinatarios destes contidos insultantes e difamatorios, dende esta páxina web nunca respostamos a eles por una razón moi sinxela: nós cremos que a política municipal é outra cousa. Por iso, aínda que algunhas persoas diríxense a nós para solicitarnos que repliquemos a certas acusacións, a nosa resposta sempre é a mesma: nós non contestamos a ninguén que actúa -e calumnia- ocultando a súa identidade (aínda que algunhas identidades ocultas sexan, ás máis das veces, facilmente identificables).

Afirmacións recentes en dito blog atribúen a autoría dalgúns comentarios a membros do noso partido. Outros temas que son recurrentes dende hai algún tempo en Os Aguillóns son a situación económica do Concello e mesmo a conveniencia de ter Concello propio. Ante este cúmulo de despropósitos, queremos facer algunhas puntualizacións:

1. O Grupo Municipal Socialista ten acreditada unha traxectoria de compromiso e transparencia coa cidadanía cariñesa dende fai moitos anos, sempre dando a cara e asinando o que escribe, sexa no goberno ou na oposición. É así como entendemos a acción política tanto no Grupo Municipal como na Agrupación Socialista de Cariño.

2. Polo tanto, a nosa formación política exprésase sempre facendo visible a súa identidade, a través desta páxina web, de Facebook, de boletíns ou de notas de prensa. Cónstanos que o noso voceiro municipal non escribe no citado blog, e @s restantes responsables locais do partido tampouco. Ningún comentario publicado en Os Aguillóns reflexa, polo tanto, a opinión dos membros do Grupo Municipal ou da Agrupación Socialista de Cariño.

3. Descoñecemos cantos membros do PP cariñés comparten as barbaridades que a diario se escriben nese blog anónimo ou son partícipes desa forma de facer política. O que si está claro é que ningunha persona desa formación política desmarcouse ou desautorizou estes comportamentos a pesar de que os seus autores sitúanse sempre nesa liña ideolóxica de dereitas e mesmo defenden en moitos temas os mesmos argumentos que o PP local. Ben ó contrario, todo apunta a que o PP cariñés considera ese blog o seu vehículo lexítimo de expresión, pois incluso emprégano para anunciar decisións tan importantes como a designación do seu candidato, tal como podes comprobar aquí:

http://aguillons.blogspot.com/2011/01/o-pp-de-carino-fai-balance-con-ilusion.html

4. A calquera debate ou afirmación sobre a situación económica do Concello, sobre a remuneración dos seus responsables políticos e sobre temas similares deben esixírselles como mínimo dúas cousas: 1) identificación d@ autor/a dos comentarios; e 2) documentación oficial que avale o que se afirma. Os comentarios no blog ó que aludimos non cumplen ningún destes dous requisitos, o cal é suficiente para cuestionar a súa fiabilidade. No blog Os Aguillóns míntese sistematicamente sobre estas e outras cuestións.

5. Os comentarios que cuestionan a capacidade de Cariño para ter concello propio non merecen resposta. Ninguén no seu sano xuízo cuestiona os indiscutibles avances logrados nestes 23 anos de independencia municipal. Pero semella que algún quere convertir o seu fracaso individual, ou o seu fracaso político, no fracaso de Cariño como concello. En calquera caso, cremos que a cidadanía cariñesa debe vixiar determinados discursos e actitudes, porque construir leva anos, disgustos e moito sacrificio, pero desfacer é a cousa máis sinxela do mundo.

6. Por último, consideramos vergoñento que se utilice o nome dun icono como son Os Aguillóns –que está por encima de calquera batalla política- para un propósito tan indecente. Os Aguillóns non son “unha reacción cívico-política independente”, como se proclama no blog cunha inmodestia clamorosa. Son unha cloaca inmoral ó servizo dun proxecto político concreto. Se os responsables do blog quixesen que fose outra cousa, poderían facelo de maneira sinxela (eliminación de certos comentarios insultantes ou inxuriosos, rexistro de usuari@s, etc.). Non o fan porque a súa concepción da política –e por conseguinte da vida- semella carecer dos máis elementais referentes éticos.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.