Winnipeg, anacos da nosa historia nunha nova novela de Hixinio Puentes

Share Button

A prestixiosa editorial Xerais acaba de publicar unha nova novela do escritor Hixinio Puentes, que leva por título Winnipeg. A obra, baseada en feitos reais, está protagonizada polos irmáns cariñeses e republicanos Vicente, José e Manuel Pita Armada, pai e tíos do noso compañeiro Pancho Pita Barge, recentemente falecido. A sinopse da novela dinos o seguinte: Co advento das ditaduras morre a liberdade e a poesía. Así aconteceu tamén con aquel poeta chileno que fretara o Winnipeg, un dos buques da diáspora dos republicanos españois, perdedores nunha guerra fratricida. Nel van tres irmáns que deixan na vila de Cariño a súa familia masacrada pola represión. O seu delito fora artellar nos anos da república obreira o Sindicato da Industria Pesqueira e Derivados baixo o amparo da CNT. Na análise que fai Manuel Pita Armada da súa vida, os acontecementos vividos en España repítense novamente en Chile, onde Pablo Neruda e Salvador Allende son vitimados. O mundo da pesca no Ortegal, as sucesivas fugas polo mar, a Guerra Civil, os campos de concentración franceses e o medo están aquí perfilados pola man áxil e experta do escritor Hixinio Puentes”.

Winnipeg é o nome do barco que chegou a Valpasaíso, Chile, o día 3 de setembro de 1939, con 2078 refuxiados da República española procedentes de Francia (1200 homes, 418 mulleres e 460 nenos e nenas); moitos deles atopábanse en campos de concentración franceses, en condicións miserables. O barco partira o 4 de agosto do porto francés de Pauillac; previamente fora preciso adaptar para a operación o cargueiro francés, que normalmente non levaba máis de 20 persoas. Foi unha iniciativa do escritor Pablo Neruda, coñecedor das miserables condicións nas que se atopaban os exiliados españois. O presidente chileno Pedro Aguirre Cerda apoiou a idea, nomeando a Neruda cónsul especial de emigración española no país galo; vía con bos ollos a idea de atraer ó país traballadores/as e persoas de reforzo capacitadas nas máis diversas facetas e áreas profesionais. A noite que zarpou o Winnipeg Neruda escribíu “Que la crítica borre toda mi poesía, si quiere, pero que no se olvide nunca de este poema”.

No Winnipeg viaxaban en torno a unha vintena de galeg@s, entre eles os tres irmáns cariñeses Vicente, José e Manuel Pita Armada, que fuxiran de Cariño no pesqueiro Arkale tralo alzamento franquista. Atopábanse entre os principais impulsores do Sindicato de Industria Pesqueira, vinculado á CNT. Outros tres irmáns que quedaron en Cariño foron asasinados polo franquismo.

Hixinio Puentes baseouse en diversas fontes para escribir esta novela. Manexou Historia de amor y tragedia, o libro de memorias publicado por José Pita Armada. Tamén mantivo conversas e un contacto fluido co noso compañeiro Pancho Pita Barge, que coñeceu o borrador da novela pero que desgraciadamente non chega a vela publicada. O autor, Hixinio Puentes (O Barqueiro, 1952), é un nome consagrado no ámbito da investigación e da novela histórica. Entre as súas obras anteriores atópanse os dous volumes de Os naufraxios da Galicia norte (2004 e 2005), La galerna de 1961 (2005), así como as novelas O bandido Casanova (2000) ou Aguillóns de Ortegal (2005), ambas publicadas tamén por Xerais. Puentes é autor, asemade, do traballo “Os naufraxios nas augas do Ortegal”, incluido no libro Patrimonio e desenvolvemento local: reflexións e iniciativas no Concello de Cariño (páxs. 33-78), publicado na nosa etapa á fronte da institución municipal (en novembro de 2010).

A novela Winnipeg será presentada proximamente en Cariño. Mentres tanto, recomendámosche a reportaxe de Salvador Rodríguez “Los gallegos que salvó Pablo Neruda”, publicada no suplemento Estela do Faro de Vigo. Podes descargala aquí:

http://blog.xerais.es/wp-content/uploads/2013/02/Winnipeg_Faro_estela.pdf 

Podes ver tamén a ficha do libro na páxina web da editorial Xerais:

http://xerais.es/libro.php?id=2539057

E a entrada que lle adican no seu blog:

http://blog.xerais.es/2013/a-novela-winnipeg-de-hixinio-puentes-a-historia-dos-galegos-que-salvou-pablo-neruda-reportaxe-no-suplemento-de-faro-de-vigo/

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.