Aprobado o calendario de eleccións primarias

Share Button

altDende hai un tempo o noso partido vén apostando de maneira decidida pola fórmula das eleccións primarias para designar non só a candidat@s senón tamén a secretari@s xerais. Fronte a fórmulas máis pechadas ou a congresos con delegad@s, frecuentes noutros partidos, no PSOE estase a impoñer a máxima de un/unha militante, un voto. O camiño elexido polo noso partido non está exento de debates e discusións, en aspectos como o calendario de cada proceso ou o grao de apertura do mesmo (se implica só a militantes ou tamén a simpatizantes, membros de Xuventudes Socialistas ou á cidadanía en xeral). Implantar novas fórmulas de traballo é complexo, pero de seguro a experiencia acumulada servirá para ir mellorando.

O pasado sábado 13 de setembro tivo lugar en Madrid o primeiro Comité Federal desta nova etapa con Pedro Sánchez na Secretaría Xeral. Alí aprobouse que as primarias para decidir @ candidat@ á Presidencia do Goberno terán lugar o 26 de xullo de 2015, en lugar do mes de novembro deste ano como estaba inicialmente previsto e reclamaban algunhas voces do partido. Aínda que a convocatoria formal, procedemento e calendario están pendentes de concretarse, todo apunta a que na votación participarán militantes e simpatizantes. O actual Secretario Xeral, Pedro Sánchez, xa anunciou a súa intención de concurrir a este proceso interno.

O mesmo Comité Federal aprobou tamén a convocatoria de eleccións primarias para os concellos de máis de 20.000 habitantes e para as comunidades que celebran Eleccións Autonómicas o 24 de maio de 2015, coincidindo coas municipais. No caso dos concellos contémplanse dúas datas posibles para as eleccións primarias, o 19 de outubro e o 30 de novembro. A Executiva Galega acordou na súa reunión de onte que no caso de Galicia óptase pola segunda data, o 30 de novembro.

A Agrupación Socialista de Cariño non se ve afectada por esta normativa, ó sermos un Concello de menos de 20.000 habitantes. Sen embargo, en Cariño hai tempo que optamos polo noso particular modelo de primarias e @ candidat@ socialista á Alcaldía elíxese mediante o voto segredo en urna da totalidade da militancia. O proceso de elaboración de candidaturas ás eleccións autonómicas e municipais de maio desenvolverase entre o 7 de xaneiro e o 7 de marzo de 2015.

A fotografía que acompaña a esta entrada, da axencia EFE, provén da páxina web da Cadena Ser e corresponde ó Comité Federal do sábado 13 de setembro. 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.