A web en 2013: un breve resumo

Share Button

Ofrecemos nesta entrada o tradicional balance anual de actividade da nosa páxina web, nesta ocasión algo máis breve do habitual polo motivo que logo explicaremos.

Publicamos en 2013 un total de 65 entradas na páxina, ademais doutras dúas entradas que foron suprimidas dado que anunciaban unha mesa redonda que tivo que ser cancelada. Esa cifra final de 65 entradas supón un lixeiro incremento con respecto ó ano anterior (2012), no que publicáramos un total de 60 entradas. Se esas 65 entradas de 2013 se distribuísen de maneira uniforme ó longo dos 364 días do ano, a frecuencia de publicación sería dunha entrada cada 5’6 días. Un total de 58 entradas están acompañadas de imaxes, mentres que as 7 restantes conteñen só texto. Como é habitual, todas elas seguen estando dispoñibles nesta páxina para a súa consulta; mediante a opción Buscar do Menú principal podes filtrar os contidos ou temas que che interesan.

Pasamos a resumir a orientación temática desas 65 entradas. A maior parte (21 entradas) estivo dedicada a temas locais (política municipal, 25 aniversario da segregación, etc.), cifra á que debemos sumarlle outras 13 entradas destinadas a anunciar ou resumir eventos organizados pola Agrupación Socialista de Cariño (podes ver ó respecto a entrada Facendo balance… publicada pasado 30 de decembro). Un total de 12 entradas versaron sobre cuestións comarcais (sobre Ortegal e, en menor medida, Ferrolterra). Galicia e os asuntos de política autonómica mereceron un total de 5 entradas, mentres que de política estatal falamos en 10 entradas. As estatísticas da web e o funcionamento da páxina mereceron un total de 2 entradas; publicamos 1 entrada dentro da serie Pensar dende a esquerda e hai 1 entrada que cabería encadrar na categoría de outros temas.

En anos anteriores ofrecemos estatísticas de acceso, pero esta vez non é posible. En marzo de 2013 esta páxina mudou de servidor e tamén cambiamos o xestor de contidos. Nese momento o contador de visitas púxose a cero e ó longo do ano estivemos facendo probas con dous contadores diferentes. A información da que dispoñemos consideramos que non é 100 % completa e fiable, razón pola que preferimos non incluila aquí. Sen embargo, o reconto estimado das cifras amosa unhas estatísticas de uso semellantes ás de 2012, que consideramos bastante boas.

Na actualidade estamos a redefinir a presenza online da Agrupación Socialista de Cariño, un proceso que implicará diversos cambios nesta páxina web e no noso perfil en Facebook que iremos anunciando proximamente. Xa sabes que calquer comentario ou suxerencia podes facérnolo chegar ó correo electrónico psoecarino@yahoo.es. Graciñas por achegarte a esta web. A túa visita é o mellor incentivo para mellorar día a día.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.