As cifras da web en 2012

Share Button

Dende que esta páxina web adoptou o seu formato actual, en setembro de 2009, tódolos anos facemos públicas as estatísticas e o balance anual de actividade. Aquí van, polo tanto, os datos correspondentes ó ano que acaba de rematar.

No ámbito político 2012 foi un ano intenso. Celebráronse eleccións autonómicas en Andalucía, Asturias, Euskadi, Galicia e Cataluña. O noso partido celebrou procesos congresuais de carácter estatal, autonómico, provincial e local, renovando as direccións en todos estes ámbitos; @s Secretari@s Xerais resultantes de ditos congresos foron, respectivamente, Alfredo Pérez Rubalcaba, Pachi Vázquez, Francisco Caamaño e Ana Fachal, que asumíu a dirección do socialismo cariñés o día 8 de xullo. Por primeira vez, un cariñés –o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar– formou parte da candidatura socialista ó Parlamento de Galicia. Temos que referirnos tamén ó noso traballo no ámbito municipal, no que somos, a día de hoxe, a única forza de oposición ó actual goberno municipal, xa que o PP cariñés atópase virtualmente desaparecido –máis alá de cumplir coa asistencia a plenos e comisións- dende as eleccións municipais de maio de 2011. O Grupo Municipal Socialista está a realizar unha oposición constructiva, crítica e responsable, sempre en beneficio da cidadanía cariñesa. Neste ano polemizamos co Goberno Municipal en aspectos como as contas municipais, o peche da escola infantil, o lamentable estado de abandono e deixadez no que se atopan moitos dos servizos municipais (peche da caseta de información turística, praias sen socorristas durante todo o mes de xullo, constantes avarías no alumado público, deficiente limpeza das rúas e desbroce de pistas, etc.) ou a ausencia de árbore e luces nas festas de Nadal que veñen de rematar.

A actividade na web durante 2012 amosa dúas tendencias principais respecto a anos anteriores: un descenso no número de entradas publicadas e un incremento relevante no número de visitas. Por primeira vez, en 2012 esta páxina web convivíu a anualidade completa co noso perfil de Facebook; o feito de que actualmente empreguemos Facebook para difundir contidos que antes aparecían na web é unha das razóns que explica o descenso no número de entradas publicadas.

En concreto, en 2012 publicamos un total de 60 entradas; delas, 51 ían acompañadas de imaxes e 9 tiñan unicamente texto. Estas 60 entradas supoñen unha media de algo máis dunha entrada por semana (en concreto, unha entrada cada 6’06 días). En canto ós temas tratados, 16 entradas estiveron relacionadas con temas locais e política municipal; 13 entradas adicámolas ós diversos comicios electorais (principalmente de Galicia, pero tamén de Andalucía, Asturias e Cataluña); outras 22 entradas tiveron como obxecto cuestións de política xeral, tanto autonómica como estatal e incluso internacional, con especial protagonismo para os procesos congresuais celebrados; 5 entradas serviron para despedir a compañeiros ou figuras destacadas da esquerda que nos deixaron en 2012; finalmente, 4 entradas versaron sobre o funcionamento desta web e outros asuntos de cultura e medios de comunicación.

As estatísticas de visitas podes velas na táboa que acompaña a esta entrada, correspondente ás últimas horas do ano que remata. En 2012 tivemos unha media de 99’6 visitantes únicos por día, cifra que segue incrementándose progresivamente con respecto a anos anteriores (41 en 2010 ou 84’6 en 2011). Se en 2011 unicamente en dous meses (abril e maio, coincidindo coas eleccións municipais) superamos a media de 100 visitantes únicos por día, no ano que remata este feito prodúxose en seis ocasións (xunio-xullo e setembro-decembro). En setembro a media diaria de visitantes únicos por día (127) batíu o record desta web. O mes cunha media diaria inferior de visitantes únicos foi o de agosto (73). A poucas horas de rematar o ano, a páxina rexistraba un total de 36.550 visitas, 151.581 páxinas vistas e 363.905 accesos en 2012.

Seguimos a ser a única forza política local que mantén unha presenza regular en internet e unha páxina web actualizada. O noso compromiso coa cidadanía mantense inalterable, aínda que ás veces os resultados electorais non acompañen. Manteñamos a esperanza no ano que comeza e acheguemos o mellor de nós para acadar o mellor futuro posible.

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.