As nosas suxerencias: (m)2, nais e fillas escribindo o futuro

Share Button

Hoxe é 10 de marzo, día da Clase Obreira Galega, que se conmemora en recordo de Amador Rey e Daniel Niebla, os dous traballadores ferroláns asasinados pola policía franquista o 10 de marzo de 1972, no transcurso das movilizacións que libraban naquela data os asteleiros da cidade.

As xentes humildes e traballadoras xogaron, ó longo da historia, un importante papel no progreso da sociedade. Por esta e outras razóns, cremos que a reivindicación e o estudo do mundo do traballo, e da clase traballadora como axente de cambio social, debe ser unha tarefa esencial nun partido de esquerdas.

Hoxe adicamos a nosa sección semanal de suxerencias a unha exposición fotográfica que podes ver no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, entre os días 4 de marzo e 10 de abril. A exposición leva por título (m)2 e o seu autor é Xosé Abad.

Segundo se explica na web do Museo, a exposición "pretende amosar o salto entre dúas xeracións de mulleres cunha relación de afectividade, con vidas diversas ligadas a traballos moi diferentes, que transcenden do privado e particular ao xenérico e emblemático, converténdose en representantes de dúas formas de vida". Máis adiante engádese "o salto producido entre as nais que traballaron no sector primario e as fillas que acceden ao sector servizos no transcurso dunha soa xeración e que só se pode contar neste preciso momento. Este salto nos modos de acceso ao traballo das mulleres é un proceso que, acaso, en ningures se deu con tal celeridade coma en Galicia, por iso a documentación deste feito pon en valor as bases dunha profunda transformación acollida con naturalidade".

Se non tes a oportunidade de visitar a exposición en Santiago, tamén podes ver a serie fotográfica na páxina web do autor:

http://www.xoseabad.estudioabad.com/?mod=trabajosc 

A páxina do Museo do Pobo Galego onde se anuncia esta exposición é a seguinte:

http://www.museodopobo.es/exposicion.php?idexpo=147

Por certo, esta insigne entidade está a pasar por dificultades económicas e vén de anunciar, hai escasos días, que proximamente cobrará pola entrada ó Museo. A sociedade galega está obrigada moralmente a prestarlle apoio a unha das súas máis senlleiras entidades culturais. Aportaremos o noso gran de area adicándolle proximamente a nosa sección de suxerencias.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.