O sábado inaugúrase a piscina municipal

Share Button

 

Onte sinalamos que, rematado un excelente entroido, a actualidade traía a Cariño novidades relevantes. Dicíamos esto falando do proxecto empresarial de GM Renovables. Hoxe tócalle o turno á piscina municipal.

O novo edificio inaugúrase este sábado ás seis da tarde, nun acto aberto a toda a cidadanía cariñesa e que contará coa presencia do noso Alcalde, José Luis Armada, e de Salvador Fernández Moreda, Presidente da Deputación da Coruña, entidade que financiou unha parte importante deste novo e agardado servizo.

Como anuncia o Concello na súa páxina web, coa apertura da piscina cúmplese un dos obxectivos prioritarios do Goberno Municipal e satisfaise un desexo da cidadanía cariñesa. Este novo servizo está equipado para convertirse nun referente no ámbito do deporte e a saúde. Conta con varias instalacións de termo-hidroterapia, como sauna seca e de infravermellos con aromaterapia, ducha bitérmica, baño de vapor ou hamman con cromoterapia e aromaterapia, e bañeira de hidromasaxe con ozonificación e depuración salina.

As novas instalacións son, ademais, un referente en canto á sostenibilidade, debido ó aproveitamento das enerxías renovables, cuestión á que xa nos temos referido aquí con anterioridade. Por outro lado, e como tamén se apunta dende o Concello, "coa apertura da piscina municipal vese ampliada a oferta de espazos lúdicos e deportivos xa iniciada coa construción da pista de padel, a renovación do céspede artificial do campo de fútbol, a instalación do parque biosaludable situado no paseo marítimo e a adaptación dos parques infantís á normativa actual".

O sábado é, pois, un día importante para Cariño. Animámoste a desfrutar destas novas instalacións municipais. Podes ver aquí a nota informativa difundida polo Concello:

 http://www.concellodecarino.com/aodia/nova.php?id=1257

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.