As nosas suxerencias: O Museo do Pobo Galego

Share Button

A semana pasada, na nosa sección de suxerencias, anunciamos que nos ocuparíamos aquí do Museo do Pobo Galego. Imos facelo hoxe.

O Museo do Pobo Galego está situado no antigo convento de San Domingos de Bonaval, no centro da cidade de Santiago de Compostela. Fundouse no ano 1976 a iniciativa de destacados persoeiros da cultura galega. Nun momento complicado para a nosa cultura, despois de corenta anos de dictadura franquista, a creación do museo foi, en realidade, un acto de resistencia cultural, unha aposta por cubrir un valeiro importante no ámbito da investigación, conservación, divulgación e defensa da cultura galega. Con esta idea como trasfondo, foi creando as súas coleccións, de contido esencialmente etnográfico. As salas adicadas á pesca tradicional, que podes ver na foto, amosan algúns contidos recollidos en Cariño. Igualmente importantes son o arquivo e a biblioteca, que conservan fondos documentais e bibliográficos de enorme valor, pertencentes a varias persoalidades insignes da cultura galega.

Hai tempo que o programa expositivo do Museo precisa unha renovación, que vén demorándose debido a problemas económicos. O Museo, rexido por un Padroado, mantense coas achegas económicas dos seus patróns e socios, así como co patrocinio de institucións públicas e privadas. O certo é que o presuposto é escaso para o Museo do Pobo Galego que desexaríamos ter neste século XXI. É intolerable que se enterren cantidades inxentes de diñeiro na Cidade da Cultura mentres iniciativas como o Museo do Pobo Galego, que levan xogado un papel crucial na recente historia cultural de Galicia, pasan penurias económicas. Recentemente anunciouse na prensa que, para paliar esta situación, comezarase a cobrar entrada.

O Museo do Pobo Galego é, pois, unha institución cultural que merece todo o noso apoio. Por esta razón adicámoslle a nosa sección semanal de suxerencias e recomendámosche que o visites. Podes aproveitar para ver tamén o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que se atopa ó seu carón.

Unha completa información sobre o Museo do Pobo Galego podes atopala na súa páxina web:

http://www.museodopobo.es

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.