Cariño móvese

Share Button

Dende onte está aberta ó público a piscina municipal. Trala súa inauguración, o Concello invertíu dúas semanas en facer os últimos axustes e iniciar o proceso de inscrición de soci@s. Nestes dous primeiros días de funcionamento, o balance só pode calificarse de exitoso. Será precisamente este uso cotián o que permita rematar de axustar algunhas políticas de funcionamento, en función da demanda e outros factores. A apertura da piscina debe ser motivo de ledicia para toda a cidadanía cariñesa, ó tratarse dun servizo longamente desexado e demandado.

Tamén está funcionando con normalidade dende o pasado domingo, día seguinte ó da súa inauguración, o novo Local Social de Maiores ubicado no baixo Casa do Concello. As novas instalacións gañan con creces en accesibilidade e ofrecen moitas posibilidades para realizar actividades de todo tipo. A cidadanía cariñesa merece un local así, e moi especialmente os nosos maiores, despois dunha vida de duro traballo.

Por outra banda, hoxe quedaron convocadas oficialmente, coa publicación dun Real Decreto no Boletín Oficial del Estado (BOE), as eleccións municipais do 22 de maio. Podes consultalo aquí:

http://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2011-5608 

Como novidade, este ano a lexislación electoral (LOREG) introduce algunhas restriccións, que consideramos positivas, orientadas a reducir os gastos e a sobreabundancia de publicidade na precampaña. O Vicesecretario Xeral do noso partido, o ministro José Blanco, presentou as liñas mestras da precampaña e campaña d@s socialistas. O partido pretende incidir no carácter local e autonómico destes comicios, facendo unha campaña diferente en cada lugar, axustada ás demandas da cidadanía. A xente quere escoitar falar -e merece que lle falemos- do seu Concello.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño estamos a traballar nesta dirección, deseñando distintas iniciativas para a precampaña e campaña que pouco a pouco irás coñecendo. Ó longo das próximas semanas recurriremos a diferentes procedementos para escoitar a túa voz, as túas demandas e as túas suxerencias. Entre tanto, xa sabes que cando queiras podes contactarnos ó enderezo psoecarino@yahoo.es  para comentarnos o que estimes oportuno. A túa opinión interésanos.

No mes de abril faremos a presentación da candidatura. Temos xa unha data provisional, que agardamos poder confirmarche aquí dentro de poucos días, xunto ós principais detalles do acto.

Cariño móvese. E no PSOE cariñés queremos seguir sendo a referencia. 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.