Charla do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal en Cariño

Share Button

Tal como informa hoxe o Concello de Cariño na súa páxina web, o Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal ofrecerá unha charla en Cariño co obxectivo de informar ó sector do mar das axudas económicas ás que poden acceder.

 

A charla terá lugar na Casa do Concello de Cariño o xoves 15 de abril ás oito da tarde e será impartida pola gerente do GAC A Mariña-Ortegal, Dna. Mar López-Leitón. Na mesma participarán tamén o noso Alcalde, José Luis Armada, así como Rebeca Álvarez, técnica de emprego municipal.

 

O Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal ten a súa sede no porto de Celeiro e no mesmo están integradas diversas entidades pertencentes ós trece concellos costeiros englobados en ambas comarcas, dende Valdoviño a Ribadeo. O período de actuación do consorcio abarca as anualidades comprendidas entre 2007 e 2013.

 

Os grupos de acción costeira póñense en marcha co obxectivo de repartir os Fondos Europeos de Pesca (FEP). Para a anualidade 2010 destínanse 839.000 euros, ós que haberá que engadir o presuposto estimado para a anualidade 2009, que carece de proxectos ó ser o ano de fundación da sociedade.


O Plan Estratéxico subvencionará dous tipos de proxectos: productivos e non productivos. Os profesionais do mar poden optar ós fondos destinados a labores productivas, mentres que as entidades públicas locais e cofradías deben facelo para financiar accións non productivas.


Dende o Concello de Cariño anímase a tódolos profesionais do sector do mar a asistir á charla informativa.

 

 
Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.