Congreso do PSdeG: un novo camiño para o socialismo galego

Share Button

altO noso partido celebrou o pasado domingo 29 de setembro o agardado Congreso Extraordinario que elexíu á nova dirección do PSdeG. Dicimos o de agardado non tanto pola incógnita do resultado –pois ó congreso concurría en principio un único candidato a Secretario Xeral- como sobre todo polo feito de que a cita pecha unha etapa de interinidade relativamente longa que sucedeu á derrota nas eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012, hai case un ano. Unha representación de catro membros da Agrupación Socialista de Cariño estivo presente no congreso, encabezada pola nosa Secretaria Xeral Ana Fachal.

A dirección liderada por Pachi Vázquez, anterior Secretario Xeral e candidato nos comicios citados, decidira promover un proceso congresual introducindo como novidade a elección d@ Secretari@ Xeral mediante un proceso de primarias aberto a toda a militancia. Tras resolver dúbidas e negociar coa dirección federal diversos detalles da consulta, as eleccións primarias –antesala do Congreso Extraordinario- celebráronse o sábado 7 de setembro, como xa informamos nesta web.

Dado que a previsión era que o Congreso contase coa única candidatura a Secretario Xeral do Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na súa condición de vencedor das eleccións primarias, unha das principais incógnitas residía en coñecer a composición da súa Executiva.

A dirección que Gómez Besteiro conformou supón unha renovación notable con respecto á Executiva elexida no anterior Congreso, pois unicamente tres membros repiten. A nova Executiva é máis reducida (29 membros) e tódolos integrantes da mesma teñen área asignada. A súa composición amosa unha boa mestura de xuventude e experiencia, así como de perfís políticos e técnico-profesionais. O peso orgánico recaerá, na súa condición de Secretaria de Organización, na compostelá Pilar Cancela, funcionaria da Xunta de Galicia e alto cargo da Consellería de Traballo no goberno bipartito presidido por Touriño. Outras responsabilidades importantes son ocupadas por Valentín González Formoso (Secretario de Política Municipal), Pedro Armas (Secretario de Políticas Demográficas, Estudos e Programas), Xaime Barreiro Gil (Secretario de Economía), Vicente Docasar (Secretario de Cultura, Educación e Investigación), Margarita Iglesias Pais (Secretaria de Defensa das Pensións Públicas) ou Xosefa Hermo (Secretaria de Formación). O deseño da Executiva fai unha aposta clara polo mundo do traballo, a reactivación dos sectores productivos e o municipalismo; conta cunha Secretaría de Economía Pesqueira, que ocupa María del Carmen Casalderrey Piñeiro, e cunha Secretaría do Traballo Autónomo, que ocupa o Alcalde de Oroso e especialista no sector Manuel Mirás Franqueira.

A comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal achega tres membros á nova Executiva. Xunto ó Alcalde de As Pontes, o xa citado Valentín González Formoso, incorpóranse á dirección o exalcalde de Fene Iván Puentes como Secretario de Dereitos Cidadáns e Movementos Sociais e a xornalista ferrolá Eva Martínez Montero como Secretaria de Igualdade.

Como non podía ser doutro xeito, Besteiro lanzou unha mensaxe optimista e de unidade, apostando pola recuperación da base social e por convertirse nunha alternativa real ó PP de Feijóo. Nunha reivindicación do traballo feito polo partido en todos estes anos, Besteiro quixo contar coa presencia de tódolos Secretarios Xerais anteriores e cos dous presidentes socialistas que tivo a Xunta de Galicia. Así, Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño, Antolín Sánchez Presedo ou Paco Vázquez, entre outros, déronse cita onte no Congreso, que contou, asemade, coa participación de Alfredo Pérez Rubalcaba e Óscar López, Secretario Federal de Organización. Volve o PSdeG, proclamou o novo Secretario Xeral.

No balance do Congreso deben contarse tamén algúns feitos que ofrecen unha lectura menos positiva. Mentres que a candidatura de Besteiro foi apoiada polo 95 % da militancia, a súa Executiva colleitou unha cifra de votos a favor significativamente inferior, o 68 %. Quedou claro que hai voces disconformes coa composición da nova dirección e que, polo tanto, ésta deberá facer un esforzo por integrar e gañarse ós sectores máis excépticos. Tamén chama poderosamente a atención a ausencia dunha Secretaría de Medio Ambiente, unha das tradicionais bandeiras do socialismo.

A principal lectura positiva do Congreso deste domingo é que o PSdeG pecha a etapa de interinidade na que entrou tralas últimas eleccións autonómicas, toda vez que Pachi Vázquez anunciara a convocatoria dun Congreso dando a coñecer, algún tempo despois, a súa intención de non optar á reelección. Agora toca abrir unha nova etapa, visibilizala no Parlamento, actualizar o discurso e as liñas programáticas, fortalecer as agrupacións locais, preparar unha oferta sólida para as eleccións municipais… Convertirse, en definitiva, na alternativa política que Galicia necesita.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.