Contrastes: a Casa do Concello e a economía municipal

Share Button

O actual edificio da Casa do Concello é un exemplo das graves consecuencias que pode ter unha mala xestión á fronte da institución municipal. Unha neglixente actuación do anterior goberno municipal do PP vai a comprometer seriamente o futuro económico deste Concello durante os vindeiros anos. Parécenos importante que coñezas os detalles deste asunto.

Para abreviar, e porque xa temos falado destas cuestións con anterioridade, non imos explicar aquí outros problemas vinculados á nefasta xestión do PP cariñés en relación a este edificio. Referímonos, por exemplo, ó longo tempo que as obras estiveron paradas ou á permanente indefinición de futuros usos no que o tiveron, que calquera persoa interesada puido seguir naqueles anos a través da prensa (auditorio, museo, casa do náufrago, casa da muller maltratada…).

Imos, pois, ó grano. Cando asumimos o goberno municipal, en 2003, recibimos unha reclamación da constructora Corsán-Corvián por valor de 972.055,93 euros (case 162 millóns das antigas pesetas) en concepto de obras realizadas no interior do edificio. Estas obras foron realizadas durante o mandato do PP sen expediente administrativo, sen partida presupostaria e sen subvención de ningún tipo. E, como todo o mundo sabe, non é posible solicitar financiamento ou subvencións a outras administracións para custear obras xa realizadas.

Simplificando, o procedemento correcto é similar a cando un quere rehabilitar unha casa: 1) solicita a subvención, documentando con fotografías o estado do inmoble nese momento; 2) recibe a subvención; 3) executa as obras; e 4) xustifica a subvención certificando o gasto realizado e documentando con fotografías o estado do inmoble trala realización das obras. Unha persoa non pode solicitar unha subvención para pagar obras realizadas nun tempo pasado pola súa conta e risco. Nun Concello acontece o mesmo.

O goberno municipal do PP naqueles tempos ou non o sabía, ou non quixo darse por enterado. Pero o caso é que executou esas obras no interior do edificio, cuxo importe non pode ser subvencionado por ningunha administración. De feito, despois do inevitable proceso xudicial, os tribunais acaban de condear en firme ó Concello de Cariño a aboar a débeda a Corsán-Corvián (case 162 millóns das antigas pesetas), xunto cos intereses de demora. O goberno municipal resultante das eleccións do vindeiro domingo terá que afrontar o pago dese peculiar agasallo do último goberno do PP. Por esta razón, sorprende bastante que ningunha das outras dúas forzas políticas que se presentan a estas eleccións fagan referencia a este tema.

A nosa xestión con respecto a este edificio foi radicalmente distinta. Tomamos a decisión de rematalo, pero fixémolo cunha subvención da Xunta de Galicia de 80 millóns das antigas pesetas, sen que lle custase un céntimo ó Concello de Cariño e polo tanto sen custes directos para a nosa cidadanía. Despois desa primeira subvención, recibimos outra para continuar as obras no Auditorio, que actualmente está case rematado. Hoxe a Casa do Concello acolle tódalas oficinas municipais, incluidos os Servizos Sociais e o Xulgado de Paz; acolle ademais o novo Local Social de Maiores e moi axiña estará dispoñible o novo Auditorio.

Velaí tes, polo tanto, as enormes diferencias na maneira de xestionar: o PP cargoulle ás arcas municipais unha débeda de 162 millóns das antigas pesetas. Nós rematamos o edificio captando subvencións doutras administracións, sen custes para o Concello de Cariño.

Goberne quen goberne a vindeira lexislatura, van a ser anos difíciles pola necesidade ineludible –a sentenza xudicial é firme- de pagar esa importante débeda. Nós comprometémonos a facer unha xestión contable austera e responsable, como levamos facendo todos estes anos para acadar o equilibrio presupostario e correxir o importante déficit que tamén nos deixou o anterior goberno do PP. A persoa que leve as rendas do Concello terá que dominar ó detalle a contabilidade municipal para artellar uns presupostos condicionados pola necesidade de facer fronte ó pago desa débeda. Nós temos a esa persoa e chámase José Luis Armada.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.