Crónicas dun longo agravio: novas ordenacións do territorio e do litoral (DOT e POL)

Share Button

Outro exemplo grave de discriminación do PP hacia Cariño son os recentes Plan de Ordenación do Litoral (POL) e Directrices de Ordenación do Territorio (DOT). En ambos actúase contra os intereses do noso Concello de xeito intolerable nun estado de dereito, falseando a nosa realidade territorial e a de toda a península do Ortegal (entendendo como tal dende Mera ata Cariño).

A modo de exemplo, podemos citar a excesiva protección que se establece no río do Sagrón –onde vai ubicado o polígono industrial– no cal protexen co nivel 4 o que eles denominan “corredor ecolóxico”, nunha franxa duns 400 metros por cada lado. Este río ten un caudal tan reducido no verán que case queda seco. Sen embargo, outros ríos da comarca, como o Mera, quedan case sen protección. Pódese comprobar cómo ámbitos de protección Ramsar e LIC apenas quedan afectados, mentres se afectan outros que na práctica carecen de valor medioambiental.

O noso Concello sae sempre perxudicado en ambos documentos, anulándose por exemplo a importancia do noso porto, que non figura citado, como tamén sucede coa propia cabeceira do termo municipal. Nas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) o noso Concello, e a península do Ortegal en xeral, quedan privados de instrumentos de desenvolvemento, mentres que Ortigueira defínese como Nodo de equilibrio territorial, no que se pretenden concentrar infraestructuras e servizos para fixar poboación.

Por seguir cos exemplos, mentres Ribadeo e Viveiro califícanse como cabeceira do sistema urbano intermedio, e Foz e Burela como subcabeceiras, co que elo supón de beneficio á hora de poder desenvolverse no novo marco legal que van supoñer estes documentos, Cariño queda reducido á nada e, na práctica, supeditado ó nodo de equilibrio territorial que é Ortigueira.

É imposible manipular máis a realidade cariñesa. Evidentemente, e como non podía ser doutro xeito, presentamos alegacións tanto ó POL como ás DOT, cuxo contido foi na maior parte rexeitado pola Xunta do PP. Neste momento, temos xa presentados en tempo e forma recursos contencioso-administrativos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para poder defendernos deste infame atropelo.

O PP cariñés, como cabía agardar, non presentou alegacións a este despropósito e, ademais, abstivéronse cando levamos a Pleno as presentadas polo Grupo de Goberno que conformamos @s cinco concelleir@s do PSdeG-PSOE e os dous do BNG. Evidentemente, tampouco presentaron ningún recurso en tempo e forma, polo que deducimos que ó PP cariñés parécelle ben esta afrenta que a Xunta do seu partido lle fai a Cariño.

As consecuencias poden ser graves. Para que te fagas unha idea do alcance que estes textos legais teñen para a nosa cidadanía, as vivendas e os solares existentes a día de hoxe no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que quedan afectados por esta arbitraria protección do litoral só poderán facer reparacións de mantenemento, pero nunca aumentar o volume edificatorio, co conseguinte perxuízo económico para @s propietari@s das casas e solares afectados. Estamos a falar do maior atentado contra os intereses económicos da cidadanía cariñesa perpetrado en moito tempo.

Nos actos de campaña vimos referíndonos á situación na que pretende deixarnos o PP con este novo marco legal para a ordenación do territorio. Queda claro que as cousas non cambiaron con respecto á súa anterior etapa na Xunta e no Concello: o obxectivo segue a ser centralizar servizos en Ortigueira e favorecer o desenvolvemento do Concello veciño perxudicando gravemente a Cariño. Só un goberno municipal forte que defenda con firmeza os intereses de Cariño pode evitar que este agravio saia adiante.

Por esta razón, se a cidadanía cariñesa renova a confianza no noso proxecto, unha das primeiras medidas que levaremos a cabo, ademais de continuar co contencioso xa presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, será reunir ás forzas políticas que formen parte da corporación para establecer un plan de traballo encamiñado a frear este auténtico despropósito.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.