Crónicas dun longo agravio: Alianza Popular contra o Instituto

Share Button

 

Pues amarga la verdad, quiero echarla de la boca escribíu no seu día Francisco de Quevedo. Nós nos temos as dotes literarias do xenial escritor, mais inspirámonos nas súas palabras para poñer en marcha esta nova sección.

En efecto, o pasado 28 de febreiro anunciamos na nosa páxina o lanzamento dunha sección titulada Crónicas dun longo agravio. Podes ler esa entrada aquí:

https://www.psoecarino.org/index.php?option=com_content&task=view&id=317&Itemid=1 

O noso punto de partida, como alí explicamos, é moi claro: a dereita debería avergoñarse do tratamento que vén dispensando a Cariño na actual etapa democrática. Nunca apostaron polo noso Concello e, en non poucos casos, actuaron contra os nosos intereses. Agora que nos atopamos preto duns comicios electorais, esta historia debe coñecerse.

Comezamos hoxe cun episodio que forma parte da nosa memoria colectiva. A finais dos anos 70, Cariño atópase nunha situación puxante e o remate da dictadura fai emerxer novas ansias de reivindicación e participación. En 1975 créase a Agrupación Cultural Nordeste, que durante anos editará a mítica revista do mesmo nome. Dous anos máis tarde, en outubro de 1977, créase a Asociación de Veciños. Ámbolos dous colectivos convírtense axiña nos principais activos na denuncia da situación de abandono á que estaban sometidos a nosa vila e as parroquias que hoxe forman o seu Concello. De seguido, comezan a contar coa colaboración de persoalidades de fora de Cariño, como os socialistas Francisco Vázquez e Fernando González Laxe, ou Nona Inés Vilariño, entón na UCD.

O conflicto recrudécese nos meses finais de 1977 debido á decisión de construir en Ortigueira un instituto de bacharelato. Cariño e outras vilas da comarca defenden que o instituto debe construirse en Mera, un lugar equidistante entre Viveiro e Ferrol, os dous núcleos que contaban xa con institutos de secundaria. O instituto estaría destinado a acoller alumnado de Cariño, Ortigueira, Cedeira, Cerdido, Moeche, Somozas e quizais Mañón. De todas estas vilas, é Cariño a que asume o liderazgo da protesta. Entre novembro de 1977 e xaneiro de 1978 a prensa recolle abundantes testemuños relativos a este conflicto. Dende Cariño apórtanse argumentos dun peso incontestable.

O 22 de novembro de 1977 El Ideal Gallego anuncia en titulares El instituto de Ortigueira será una pronta realidad. As movilizacións recrudécense. Celébranse manifestacións en Cariño e nunha delas a prensa fala de 10.000 persoas, entre as que se atopan xentes de toda a comarca. Participan tamén Paco Vázquez (PSOE) e Nona Inés Vilariño (UCD). O acto remata co himno galego.

A comezos de 1978 a flota pesqueira cariñesa atraca na cidade da Coruña para celebrar alí unha manifestación. Os barcos anuncian que non abandoarán o porto ata que o problema reciba unha solución satisfactoria. En total, a prensa fala de 40 barcos, 200 turismos e 6 autobuses. O 10 de xaneiro o conflicto ocupa a portada de La Voz de Galicia, xornal que afirma na páxina 48 “la cosa empieza a tomar visos de peligrosidad”; mentres, en Ortigueira estanse iniciando xa as obras. Os barcos mantéñense amarrados na Coruña durante cinco días, durante os cais os comercios cariñeses pechan, a excepción das tendas de comestibles, que abren unha hora diaria. O problema chega a afectar á economía de portos como Malpica ou Viveiro que, perxudicados polo paro das conserveiras (ás que suministraban peixe), estudan a posibilidade unirse a Cariño.

Mantéñense reunións ó máis alto nivel no Ministerio de Educación. Os representantes de Ortigueira viaxan a Madrid acompañados de María Victoria Fernández-España, deputada de Alianza Popular. Os representantes de Cariño viaxan acompañados dos xa citados Paco Vázquez e Nona Inés Vilariño. O conflicto remata cunha solución que non é plenamente satisfactoria, pero que consegue aplacar os ánimos: concédeselle a Cariño unha extensión de BUP e un instituto de FP.

Hoxe aqueles tempos quedan lonxe. As cousas cambiaron moito. Pero entre as moitas leccións que convén extraer daquela experiencia hai unha moi clara: Alianza Popular –antigo nome do Partido Popular- actuou entón contra os intereses de Cariño. Para eles, @s nos@s rapaces e rapazas, e @s de boa parte  da comarca, eran cidadáns de segunda. Por desgracia, non sería a ultima vez. Seguirémoscho contando.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.