Enquisas electorais

Share Button

 

O xornal La Voz de Galicia publicou onte os resultados dunha enquisa sobre as vindeiras eleccións municipais realizada pola empresa Sondaxe nas cidades galegas.

Como toda enquisa, ten un interese relativo pois o verdadeiramente relevante é o reconto das papeletas. Con todo, a enquisa amosa uns resultados favorables para o noso partido e suxire que o PP non conseguiría recuperar o goberno de ningunha das sete cidades galegas. O PSOE mantería a condición de forza máis votada na Coruña e Lugo, mentres que incrementaría o número de concelleiros en Santiago e Ourense. O BNG consolidaríase en Pontevedra. De reeditarse os acordos municipais entre PSOE e BNG, o socialismo mantería as seis alcaldías urbanas que ostenta actualmente, mentres que o BNG conservaría a alcaldía de Pontevedra.

A enquisa confirma, pois, que a cidadanía conserva a súa confianza nos gobernos municipais progresistas e que tanto PSOE como BNG manteñen cuotas importantes de poder trala perda do goberno autonómico. As expectativas son, pois, favorables. A cidadanía galega precísao, tendo en conta o pobrísimo balance que ofrece a Xunta de Feijóo: destrucción dos logros do bipartito, privatización de servizos básicos como a sanidade ou a educación, paro, desprezo do noso idioma…

En días pasados coñecimos datos moi preocupantes sobre as cifras de desemprego e as tendencias demográficas de Galicia, que levaron ó xornalista Luis Ventoso a concluir así a súa columna en La Voz de Galicia: "Una reserva verde, envejecida y subsidiada, carente de ilusión y de la que sus jóvenes escapan en oleadas".

A esquerda debe ser o contrapeso, o motor de cambio dende o ámbito municipal. Hai partido…

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.