Exposición sobre Narciso Luaces no Museo Ortegalia

Share Button

Este venres, 10 de xullo, inaugúrase no Museo Ortegalia, na veciña vila de Ortigueira, a exposición Narciso Luaces Pardo. Coleccionista de memoria para o futuro. O acto de inauguración dará comezo ás 21 horas, segundo vén de anunciar a Fundación Ortegalia, aínda que fora publicitado inicialmente para as 20:30.

A mostra poderá visitarse ata finais de ano e inscríbese na iniciativa Ortigueira Literaria Dixital, promovida polo concello veciño e que ten como obxectivo reivindicar e homenaxear a persoeiros destacados do ámbito cultural e intelectual da comarca a través dun programa anual de actividades. Téndose dedicado en anos anteriores a Antonio Rivera Losada (2012), Federico Maciñeira (2013) e Ramón Bascoy (2014), o protagonista deste ano 2015 é o noso amigo Narciso Luaces Pardo, artífice e director do Museo Etnográfico de Meixido, estudoso-divulgador da etnografía comarcal e partícipe de múltiples iniciativas culturais. Segundo informa a entidade organizadora, a mostra plantexa un percorrido pola vida e obra de Narciso, a través de paneis e fotografías; a montaxe expositiva inclúe tamén algunhas mostras da colección numismática do homenaxeado.

Non é a primeira vez que traemos a esta web a figura de Narciso Luaces, cuxo labor merece o máis efusivo dos recoñecementos. O 8 de outubro de 2013 publicamos esta semblanza con motivo da aparición do seu libro Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos (Toxosoutos). O libro presentouse o 7 de decembro desde mesmo ano en Cariño, nun acto organizado pola nosa Agrupación en colaboración coa Asociación O Faroleiro e o Concello. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos animarche a que visites a mostra, que de seguro permitirá coñecer mellor non só ó seu protagonista, senón tamén a aspectos interesantes da historia e da etnografía comarcais.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.