José Miguel Alonso Pumar encabezará a candidatura socialista ás eleccións municipais en Cariño

Share Button

altEste sábado, 20 de decembro, a Agrupación Socialista de Cariño celebrou unha Asemblea Extraordinaria cun único e importante asunto: a elección d@ candidat@ da nosa formación política para os comicios municipais do vindeiro 24 de maio.

A xuntanza, que deu comezo ás 12:00 h. e que estaba convocada dende días atrás, contou coa asistencia da maior parte da militancia, o que deu lugar a un animado debate en positivo. A única candidatura presentada foi a do noso Secretario Xeral, José Miguel Alonso Pumar, que recibíu o apoio unánime d@s presentes mediante voto segredo en urna e pasa, desde xeito, a convertirse oficialmente en candidato ás eleccións municipais de maio de 2015.

O candidato trazou no seu discurso os puntos básicos que considera deben marcar a liña de actuación d@s socialistas: humildade, traballo, unha maior apertura ó sentir da cidadanía e colectivos locais e, por riba de todo, unha firme determinación para atallar os problemas daquelas persoas que o están a pasar peor e que entende foron abandonadas polo goberno municipal cariñés integrado por unha especie de coalición encuberta do BNG e o PP locais. O alto índice de desemprego local, o empeoramento xeralizado nos servizos municipais pola mala xestión do grupo gobernante, a suba indiscriminada de taxas e impostos, a total falta de iniciativa para sacar adiante novos e necesarios proxectos –e para rematar outros que estaban moi avanzados- ou os constantes recurtes que están a sufrir os centros educativos cariñeses foron outros dos puntos citados.

No tocante á lista coa que o noso partido acudirá ás eleccións municipais, o novo candidato deixou entrever a súa idea de acometer un notable grao de renovación, mesturando afiliad@s con cidadáns socialmente implicados e que ata o de agora non tivesen experiencias previas na política.

Alonso Pumar substitúe na tarefa de ser a cabeza do cartel electoral a José Luis Armada Castro, quen durante 15 anos foi Alcalde do Concello de Cariño, e ó que lle dirixíu unhas sentidas verbas de agradecemento.

O novo candidato socialista é un cariñés nado en 1976, fillo e neto de veciñ@s do concello de Cariño. Alonso Pumar licenciouse en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, especializándose posteriormente en servizos sociais cun Máster en Residencias e Atención ás Persoas Maiores pola Universidade da Coruña e un Postgrao como Experto en Xerontoloxía Social pola mesma Universidade; ademais, ten cursado estudos de Doutoramento nun Programa Europeo (con mención de calidade europea) entre as Universidades de Wüzburg (Alemaña), UNED e Estocolmo (Suecia).

No eido laboral, é un bo coñecedor das administracións locais logo de ter traballado durante seis anos en varias delas -incluíndo o propio Concello de Cariño- nas áreas dos servizos sociais e do medio ambiente. Nos últimos anos exerce o seu traballo na xestión de Recursos Humanos dunha multinacional do sector asegurador.

Entre as súas principais inquedanzas atópase o Medio Ambiente, sendo socio-fundador da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) así como autor de diversas ponencias e artigos en congresos e revistas ornitolóxicas nacionais e internacionais.

Finalmente, no ámbito político foi o Secretario de Medio Ambiente da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE no período 2012-2014, e actualmente é Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño ademais de membro do Comité Nacional Galego do PSdeG-PSOE en representación de varias agrupacións das comarcas de Ortegal e Terra de Trasancos.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.