Recuperar Cariño: convocada a asemblea para a designación de candidat@

Share Button

altA militancia da Agrupación Socialista de Cariño está convocada este sábado, 20 de decembro, a unha Asemblea Extraordinaria que ten como obxectivo elexir á persoa que encabezará a candidatura socialista ás vindeiras eleccións municipais do 24 de maio de 2015 no Concello de Cariño. A militancia está informada dende hai tempo da apertura deste proceso e este sábado decidirá mediante voto segredo en urna entre as opcións propostas, que poden ser tanto militantes como independentes. Ese mesmo día faremos pública a decisión adoptada.

Ó anunciar publicamente e por anticipado a convocatoria desta asemblea, a nosa Agrupación ratifica o seu compromiso coa transparencia e a información, que non ten parangón en ningunha outra das forzas políticas que operan no ámbito municipal cariñés. Este compromiso vímolo aplicando en tódalas facetas da nosa actividade (funcionamento da Agrupación, política municipal, votacións internas, etc.) e queremos facelo especialmente patente nesta cita de enorme importancia.

Por outro lado, a elección d@ candidat@ mediante o voto segredo en urna de toda a militancia supón que esta importante decisión tómase en Cariño. Será única e exclusivamente a militancia cariñesa a que decida quen encabeza a candidatura socialista ás vindeiras eleccións municipais. Remarcamos este feito porque, aínda que debería ser o habitual, seguramente noutros partidos as cousas acontecen de maneira ben diferente.

A asemblea deste sábado representa un chanzo máis dun proxecto no que levamos tempo traballando e que aspira a obter o respaldo maioritario da cidadanía cariñesa. A aposta decidida por gañar as vindeiras eleccións municipais constitúe un exercicio de compromiso e de responsabilidade en tempos especialmente difíciles para a cidadanía deste Concello, que está a sufrir catro anos de parálise absoluta municipal –e incluso de retroceso en non poucos aspectos- acompañada dunha durísima crise económica e laboral de escala estatal. É necesario que o Concello de Cariño volte a ser esa institución da que toda a cidadanía se sinta orgullosa. Daremos o mellor de nós para que así sexa.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.