Máis servizos públicos, máis emprego

Share Button

Tal como informa hoxe a páxina web municipal, o Concello de Cariño acaba de incorporar cinco novas traballadoras ó servizo de atención domiciliaria. Reproducimos aquí esta información:

O Concello de Cariño mellora a súa plantilla de servizos sociais adicada á atención domiciliaria de maiores dependentes

Coa incorporación de cinco novas traballadoras, a administración local ofertará uns servizos sociais máis eficaces.

Na actualidade, case un cento de veciños do municipio estanse acollendo ó programa de atención domiciliaria, 13 dos cales tiran beneficio do servizo a través da Lei de Dependencia. É precisamente esta última modalidade a que se verá reforzada coa chegada dunha nova profesional. Outra das traballadoras adicarase á atención básica, é dicir, aquela que perciben as persoas aínda non valoradas pola citada lei. Para convocar as prazas solicitouse ó INEM un listado oficial de auxiliares en situación de paro laboral, rexistro que foi a súa vez cotexado coa base de datos municipal, colaborando deste xeito na loita contra o desemprego local.

Ademais das auxiliares contratadas, tres novas profesionais realizarán as prácticas académicas no servizo estando en todo momento, e como é preceptivo, tuteladas polas traballadoras consolidadas. Isto foi posible como consecuencia dun acordo entre a Deputación da Coruña e o consistorio cariñés en virtude do cal facilitarase dende a administración municipal unha axeitada formación práctica a parte dos alumnos do curso de “Atención Sociosanitaria no Domicilio”, dependente da programación da Rede Xiana da Deputación. Pola súa banda, o governo provincial farase cargo dos gastos laborais das alumnas en prácticas.

En total, a plantilla de traballadoras ascenderá a 22 profesionais, 13 adicadas á atención básica e 9 centradas no coidado de persoas dependentes xa valoradas pola Lei de Dependencia.

Cómpre sinalar que os afectados por esta lei no Concello non se restrinxen exclusivamente ás 13 personas que reciben a asistencia administrativa. Ben ó contrario, son maioría aqueles atendidos por familiares á vez que se benefician das axudas económicas derivadas desta medida.

Dende o Concello búscase afondar, na medida que as súas atribucións o permiten, no desenrolo desta norma que, xunto ó servizo de atención sanitaria universal, o sistema de pensións e a educación obrigatoria gratuita, convírtese nun dos pilares fundamentais do estado de benestar da nosa sociedade.

Fonte: http://www.concellocarino.org/aodia/nova.php?id=1199&lg=gal

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.