Natureza, turismo de calidade e promoción económica

Share Button

Nas últimas semanas diversos acontecementos leváronnos a tratar aquí, en bastantes ocasións, temas relacionados co patrimonio natural e cultural de Cariño, coa súa beleza paisaxística e co desenvolvemento local. Referímonos a acontementos como a publicación de dous libros por parte da administración municipal, a presencia de Cariño na campaña Coida Galicia ou a aposta do Concello polas enerxías renovables.

Dado que os acontecementos levarannos a tratar temas diferentes nas vindeiras semanas, queremos, a xeito de breve recapitulación, ofrecer aquí uns breves comentarios sobre o senso que teñen para nós este tipo de políticas.

Cariño conta cun medio natural privilexiado. Non é necesario repetir aquí os atributos paisaxísticos, xeolóxicos, ornitolóxicos ou culturais do noso termo municipal. Nós consideramos que a nosa obriga, como forza política e como partido de goberno, é contribuir ó coñecemento e a preservación desta riqueza. E o mellor xeito de preservala é facer que totalidade da cidadanía a sinta como súa.

Pero tamén cremos que estes valores, ben aproveitados, poden contribuir a un desenvolvemento económico sostible. Somos realistas e, por esta razón, non pensamos que Cariño poda chegar a vivir exclusivamente de sectores como o turismo de calidade ou a hostelería. Mais estamos firmemente convencidos de que eses sectores deben ser unha peza fundamental dun modelo de economía diversificada no que teñan tamén cabida sectores como o mar ou a industria. De feito, nos últimos anos Cariño veu incrementadas as súas prazas de aloxamento alternativo (turismo rural, hoteis da natureza, hoteis con encanto) cunha oferta de calidade en mans da cidadanía local.

Dende a perspectiva de acadar ese modelo de economía diversificada vimos traballando. É precisamente neste contexto no que cabe entender iniciativas como a Aula do Mar, a publicación dos libros, as sendas peatonais, o emprego de enerxías renovables na piscina municipal ou as iniciativas formativas neste sector. Os usuarios da Aula do Mar, os xeólogos que nos visitan… son persoas que xeran ingresos na nosa hostelería en particular e no noso tecido socioeconómico en xeral. Nesta liña queremos seguir traballando e durantes estes meses preelectorais irás coñecendo as nosas propostas para a vindeira lexislatura.

E xa que falamos disto, non estaría de máis coñecer cales son as propostas do PP cariñés. Ata agora, semella que o único que saben facer é criticar. Boa parte dos proxectos mentados (Aula do Mar, publicación dos libros, aposta polas enerxías renovables…) foron obxecto das súas críticas. Pero, ¿cal é o seu posicionamento ante este sector?, ¿qué tipo de medidas propoñen?, ¿qué aportaron nos seus oito anos á fronte do Goberno Municipal?, ¿alguén pensa que poderían ser capaces de facer algo relevante tendo en conta o pobrísimo balance que presenta o seu candidato tanto na Cofradía como na oposición municipal?  

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.