O Concello de Cariño publica dous importantes libros

Share Button

O Concello de Cariño vén de publicar dous libros -a cor e en tamaño A4- que recollen os contidos expostos nas tres primeiras edicións das Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local.

O primeiro deles, de 154 páxinas, leva por título Patrimonio e Desenvolvemento Local: reflexións e iniciativas no Concello de Cariño e recolle boa parte das ponencias e mesas redondas celebradas nas dúas primeiras edicións das xornadas. En concreto, o libro ábrese cunha Presentación institucional do noso Alcalde, José Luis Armada, e contén a continuación os seguintes traballos: Crónica das Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local (Ana Fachal Fraguela); Inventario informatizado do patrimonio do Concello de Cariño: balance de resultados (Alberto Durán López); Tres topónimos cariñeses: Cariño, S. Xiao de Trebo e Gargacido (Álvaro Porto Dapena); Os naufraxios nas augas do Ortegal (Hixinio Puentes Novo); Novas aportacións á arqueoloxía do Ortegal (Xosé-Lois Armada Pita e Óscar García Vuelta); La protección del patrimonio arqueológico a través del planeamiento (Alberto González Fernández); Posta en valor do patrimonio fotográfico no ámbito local (María Martín Seijo e Anabel Alonso López); Incidencia de los programas de desarrollo rural Proder I y Agader en la comarca de Ortegal (Xosé Pérez-Abadín Barro); e Iniciativa Leader, unha metodoloxía de desenvolvemento territorial endóxeno ou o patrimonio como recurso. A experiencia de EuroEume (Miguel Teijido Sotelo).

O segundo dos libros, de 133 páxinas, leva por título Geología del complejo de Cabo Ortegal y de las unidades relacionadas del basamento de Galicia. Guía de campo. Os autores son 17 xeólog@s de universidades e centros de investigación como a Complutense de Madrid, a de Salamanca ou o Museo de Historia Natural de Londres. Parte destes autores forman parte do equipo que determinou a existencia de rochas de 1160 millóns de anos de antigüidade no Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, convertíndoo nun dos catro enclaves xeolóxicos máis antigos do planeta. Esta guía de campo foi publicada orixinalmente en inglés, no ano 2007, con motivo da celebración dun congreso internacional. O Concello asumíu a traducción ó castelán, tarefa que encargou ó xeólogo César Arango.

Ambos libros foron presentados esta semana no Instituto de Ensino Secundario de Cariño, recibindo cada alumn@ un exemplar de cada un deles. Ademais do alumnado de secundaria, os libros están sendo distribuidos estes días @s autores/as dos mesmos, ó profesorado, ás bibliotecas municipais e escolares, así como ós membros da Corporación. Segundo a nota informativa difundida polo Concello, en xaneiro terá lugar un acto público no Auditorio Municipal para presentar os libros ó conxunto da cidadanía e facer entrega de ambos exemplares ás persoas asistentes.    

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.