Alumado público e manipulación mediática

Share Button

Non é a primeira vez que a dereita cariñesa emprega datas sinaladas para polemizar sobre cuestións de política municipal. Lembremos que durante as últimas festas patronais de San Bartolo prodúxose unha polémica por outro asunto de carácter municipal. Non fan nada en todo o ano, pero semellan ter gusto por sementar confusión en días que deberían ser de tranquilidade, vida familiar e encontros entre amig@s. Eles saberán…

 

Hoxe publica La Voz de Galicia unhas afirmacións do PP cariñés sobre os problemas co alumado público na rúa do Campo. Non está de máis subliñar que, segundo nos informan @s compañeir@s do Grupo Municipal Socialista, dende o Concello enviouse esta semana unha nota de prensa sobre a recente publicación de dous importantes libros por parte da institución municipal, ós que tamén nos referimos nesta páxina. Diario de Ferrol publicou onte a nova. A La Voz de Galicia semella non interesarlle; dous libros nos que catedrátic@s e investigadores/as de diversas universidades escriben sobre a xeoloxía e o patrimonio do Concello non é para eles una nova reseñable, mentres que a avería nun conxunto de farolas si merece ser publicada o día de Noiteboa. Sobran comentarios. As prácticas (des)informativas de La Voz de Galicia, o continuo menosprezo a Cariño e o seu activismo partidista son xa ben coñecidos por toda a nosa cidadanía. Por desgracia para o dito xornal, esta web permítenos que non só os partidos, senón tamén os xornais, podan ser sometidos a crítica.

 

Voltando ás declaracións do PP, temos que dicir que calquera partido ten dereito a exercer a crítica, faltaría máis. Pero hai que ser un pouco máis riguroso e consecuente. A súa nota informativa mestura de xeito demagóxico problemas puntuais que están xa a ser reparados con danos provocados por catástrofes naturais e con outras deficiencias estructurais que tampouco teñen que ver coas dúas cousas anteriores e cuia responsabilidade non corresponde ó Concello de Cariño. De calquera dos tres asuntos estamos dispostos a debatir co PP, pero de xeito ordenado e nas condicións que debe transcurrir calquera debate político.

 

 Os problemas puntuais na zona do Campo (non “en todo o casco urbano”, maticemos) foron xa solventados en parte, e na parte restante están en vías de solución. Dende aquí, pedimos desculpas á cidadanía na parte de responsabilidade que nos corresponda e -faltaría máis- facemos constar a nosa vontade decidida de rematar co problema canto antes.  

 

Por último, e xa que falan de temporais e alumado, habería que lembrarlle ó PP cariñés (e, de paso, ó seu voceiro, que é asemade Patrón Maior da Cofradía), que boa parte das instalacións portuarias están sen alumado público dende comezos do mes de novembro. Os seus compañeiros de partido viñeron a facer a foto o día despois do temporal, presumen de que “A Xunta personase en Cariño” (sic!?), pero boa parte do espacio de traballo dunha parte significativa da cidadanía cariñesa segue sen luz dende hai case dous meses. Calquera diría que o máximo responsable da Cofradía de Pescadores e o voceiro municipal do PP son a mesma persoa!

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.