Un ano despois, o PP segue enredando e Cariño sen pediatra

Share Button

Onte celebramos un magnífico día de San Xiao. O tempo acompañou e a nosa tradicional romería convertíuse, como é habitual, no punto de encontro de toda a sociedade cariñesa, no día no que recibimos a moita da nosa xente que traballa fora o resto do ano.

Neste mesmo día de San Xiao o xornal La Voz de Galicia publicou unha nova co titular La Xunta sigue sin solventar la falta de pediatra en Cariño. No texto da nova, dábase conta da reunión mantida polo Delegado Provincial da Xunta, Diego Calvo, con catro representantes das nais de Cariño nas dependencias da Cofradía de Pescadores.

O primeiro que temos que dicir é que, un ano despois, a Xunta do PP aínda non foi capaz de resolver este problema. O 20 de febreiro de 2010 referímonos nesta web ás primeiras iniciativas de reivindicación que se estaban levando a cabo (comezo da recollida de sinaturas, primeiras reunións…). Seguimos igual.

En segundo lugar, o actual goberno da Xunta deixa claro coa reunión do pasado venres cal é o seu estilo. Se xa nos parece abondo discutible que unha persoa compaxine o cargo de Patrón Maior coa portavocía municipal dun partido político, cremos que constitúe un desprezo ás institucións democráticas o feito de que un responsable da Xunta veña a reunirse ás dependencias da Cofradía para tratar un asunto que non ten nada que ver co sector pesqueiro. A institución que representa a toda a cidadanía cariñesa é o Concello e as súas dependencias están dispoñibles para calquera iniciativa deste tipo.

A día de hoxe, a administración autonómica segue sen respostar ó acordo plenario que, apoiado por tódalas forzas políticas, foi remitido dende o Concello acompañando as máis de 1000 sinaturas recollidas polas nais. Desprezan un acordo plenario adoptado polos tres partidos que están representados na institución municipal, pero utilizan á Cofradía para facer política partidista e para seguir enredando.

Todo isto demostra que o PP é incapaz de ofrecerlle nada novo á cidadanía cariñesa. Seguen nas mesmas de sempre: utilización política da Cofradía, formas caciquiles e desprezo ás institucións democráticas e, sobre todo, maltrato sistemático á sanidade pública en Cariño. Non por casualidade, as dúas melloras máis significativas que experimentou a nosa sanidade pública durante os últimos anos (gardas de presenza física no Centro de Saúde durante as 24 horas e servizo de ambulancia) conseguíronse cun Alcalde socialista en Cariño. O PP de Cariño, hoxe máis que nunca, representa unha volta atrais.

Podes atopar aquí a nova publicada onte en La Voz de Galicia:

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2011/01/29/0003_201101F29C11991.htm 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.