Visita ó Museo Etnográfico de Meixido

Share Button

altA Asociación O Faroleiro organiza para este mércores 5 de novembro unha visita ó Museo Etnográfico de Meixido (Freires, Ortigueira). As persoas que participan na actividade, previa inscrición, sairán ás catro da tarde dende a parada de autobuses.

O citado museo etnográfico reúne máis de 3.000 pezas, moitas delas pertencentes a antigos oficios tradicionais galegos. Mais tamén destaca a recreación de ambientes e estancias de época, como unha cociña e unha botica do século XIX, unha forxa, unha barbería ou unha escola rural.

O museo é froito do esforzo persoal de Narciso Luaces Pardo e da súa dona Herminia, falecida o ano pasado por estas datas. Ambos crearon as estancias do museo en dependencias da súa propiedade particular, e levaron a cabo un valiosísimo labor de recuperación e restauración de pezas. O labor investigador e divulgador de Narciso plásmase tamén en publicacións diversas, entre as que destacan o seu libro Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos, que foi presentado en Cariño o sábado 7 de decembro de 2013 nun acto organizado coa colaboración da Agrupación Socialista de Cariño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.