Novo curso político: retos e oportunidades

Share Button

Entramos hai escasos días no mes de setembro despois dun intenso agosto repleto de actividade. Facemos un balance moi positivo dos diferentes eventos celebrados neste verán (Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada, Mostra de Teatro, actividades deportivas, festas patronais…), que son, en boa medida, resultado do intenso traballo desenvolvido polo Goberno Municipal. É obrigado recoñecer tamén o papel dos colectivos, asociacións e comisións de festas das diferentes parroquias do Concello, que achegaron unha colaboración indispensable e organizaron os seus propios eventos e actividades. Un luxo contar con este tecido social e asociativo.

Foi un verán dun bo tempo inusual e cun repunte notable do turismo, o que supón un importante incentivo para a economía local. Debemos seguir traballando para que o turismo sostible e de calidade sexa un vector importante na economía cariñesa.

O novo curso político preséntase intenso. Por un lado, prevemos que sexa un ano no que se materialicen proxectos relevantes nos que está traballando o Goberno Municipal cariñés.

A nivel supramunicipal, temos eleccións autonómicas o vindeiro 25 de setembro. Non vai a ser sinxelo, pero se a esquerda consegue movilizarse e facer unha boa campaña é posible poñer fin á moi negativa etapa de Núñez Feijóo e acadar un goberno de progreso en Galicia. Dende a Agrupación Socialista de Cariño achegaremos o noso gran de area para que así sexa.

A estas alturas, e despois de varios meses, a formación de goberno en España segue sen resolverse. É máis que comprensible o descontento e a frustración da cidadanía. Dende aquí solicitamos altura de miras e capacidade de diálogo a tódalas forzas políticas.

O noso partido abordará nos vindeiros meses un ciclo congresual ordinario que, como é habitual, afectará á estrutura completa da organización (federal, autonómica, provincial e local). É unha excelente oportunidade para o debate ideolóxico, a actualización programática e a renovación de equipos. A cidadanía deste país necesita un socialismo forte e debemos estar á altura. Informaremos puntualmente.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.