Coñecer o noso: revista Terras do Ortegal e xornadas Memoria dun Tempo

Share Button

Dous acontecementos relevantes no plano cultural tiveron lugar o pasado mes de agosto na comarca do Ortegal e deles queremos facernos eco na nosa web.

O primeiro foi a publicación do número 3 da revista Terras do Ortegal, que precisamente foi presentado en Cariño o pasado venres 2 de setembro. Editada pola asociación do mesmo nome, a publicación chega deste xeito con puntualidade á súa cita anual dende que aparecera por primeira vez no verán de 2014. Nacida con vocación de converterse na revista de estudos comarcais que nunca tivemos, este terceiro número supón un paso importante na súa consolidación. Cómpre recoñecer, en todo caso, que Ortigueira segue a ser o concello que merece un maior número de artigos, aínda que progresivamente van gañando presenza outros concellos da comarca. O número 2 da revista, publicado no verán do ano pasado, contén un dossier con seis artigos sobre temas do noso concello.

Nesta ocasión o dossier temático está dedicado á Idade Media no Ortegal, con tres artigos a cargo do cronista ortigueirés Carlos Breixo, do arqueólogo David Fernández Abella e do párroco Francisco Javier Martínez Prieto. O segundo destes artigos, que fai un breve repaso polo rexistro arqueolóxico medieval da comarca, inclúe algunhas referencias a xacementos do noso termo municipal como San Xiao do Trebo ou o Castelo da Pedra. Este número inclúe tamén unha escolma de textos do semanario La Voz de Ortigueira con motivo do 100 aniversario da súa fundación, un dos deles sobre o párroco cariñés Jesús Crecente Veiga. Tamén cabe mentar o artigo de Luis Real sobre as iniciativas de recuperación da memoria histórica que están a desenvolver en Mañón, no que relata o afundimento do pesqueiro Almirante José de Carranza a cargo dun submarino italiano en setembro de 1940 preto de Cabo Vilán, dramático episodio no que faleceu un mariñeiro de A Pedra, Vicente Garrote Anido. Outros artigos versan sobre os túmulos megalíticos da comarca, a toponimia de Cerdido ou a figura de David Fojo Salgueiro, anterior editor de La Voz de Ortigueira que recibe un sentido recoñecemento de Manuel López Foxo.

Dende aquí queremos felicitar ós editores de Terras do Ortegal polo seu labor e animalos a continuar. A revista está á venda en librerías dende hai semanas.

O segundo acontecemento ó que queremos referirnos é a celebración no Barqueiro das VI Xornadas Memoria dun Tempo, organizadas pola activa asociación Nordés, con sede nese mesmo concello de Mañón. As xornadas teñen lugar con carácter anual, normalmente a finais de agosto, e soen tratar temas relacionados coa memoria histórica, a represión franquista e a experiencia republicana. Neste caso contaron coa participación do historiador Julio Prada, que impartíu a conferencia Marcharon con todo. A represión económica en Galicia durante o primeiro franquismo, revelando unha faceta menos coñecida da represión tralo alzamento: as sancións económicas e o expolio ó que foron sometidas moitas familias en Galicia, en moitos casos polo mero feito de ter unhas ideas de progreso e xustiza social. A conferencia da profesora Carmen Blanco, ó día seguinte, levou por título Vivas en nós. Memoria de mulleres libres e vida liberada fronte á dictadura, que estivo seguida dun recital poético dela mesma e de Claudio Rodríguez Fer. O sábado 27, último día das xornadas, contou cun completo programa que comezou pola mañá na Ponte Vella do Barqueiro cunha homenaxe ós republicanos e libertarios, seguida dun xantar de irmandade. A última hora da tarde tivo lugar a proxección do documental A pegada dos avós, de Xosé Abad, e a continuación pecháronse as xornadas cun recital musical de Miro Casabella e Andrés Rodríguez. Como tamén é habitual, publicouse un folleto (máis de 30 páxinas) cos resumos das conferencias e outros textos relacionados, entre eles o do cariñés Andrés Modesto Alonso Rodríguez sobre o seu avó Cariño López.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresar a nosa satisfacción por estas e outras iniciativas que se están a desenvolver na comarca en relación coa promoción dos estudos locais e a recuperación-revalorización do noso patrimonio natural e cultural, liñas de traballo sempre necesarias e ás que tengamos achegar o noso gran de area.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.