Novidades editoriais: de sombras, propostas e memorias

Share Button

Setembro adoita ser mes de novidades editoriais e aquí queremos facernos eco de tres libros recén publicados que merecen atención.

A poucos días das eleccións autonómicas toca facer balance do que supuxo a etapa de Núñez Feijóo na presidencia da Xunta de Galicia. A este respecto o novo libro de Manuel Monge, que leva por título O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro (Edicións Laiovento), é máis que recomendable. Tal como se indica na súa sinopse: Cómpre un balance do desgoberno de Feijóo. Sete anos perdidos, sete anos en negro. Este é o «éxito económico» de Feijóo: no primeiro trimestre de 2009, co goberno bipartito (PSOE-BNG), Galiza tiña 162.700 persoas desempregadas, cunha taxa de paro do 12,22%, e acababa 2015 con 222.700 parados e unha taxa do 17,74%; nese mesmo período, a débeda pública de Galiza pasaba de 3.923 millóns de euros a 10.375 millóns, e Galiza perdía máis de 18.000 millóns de euros na súa capacidade de gasto, pasando de 11.793 millóns de euros en 2009 a 8.873 millóns en 2016. Galiza recada cada ano 3.000 millóns de euros máis do que despois inviste o Estado na nosa nación. Perdemos 8.464 millóns de euros dende a entrada en vigor do sistema de financiamento autonómico en 2009. E Feijóo calou.

Retroceso no Estado de Benestar. Recorte de 237 millóns de euros no orzamento de Sanidade (un 18%), hai un proceso de privatización da sanidade pública e suprimíronse máis de 3.000 postos de traballo. Recorte de 256 millóns de euros no orzamento de Educación desde 2009, coa perda de máis de 2.000 ensinantes. Hai 23.672 persoas dependentes, que seguen esperando por unha prestación, e 465.852 persoas (o 16,14% da poboación) viven na Galiza por debaixo do limiar da pobreza.

Desmantélase o sistema financeiro galego e as caixas fusionadas véndense, a prezo de saldo, a un banco venezolano. Perdemos o Banco Pastor e o noso aforro tamén emigra. Abandono de sectores estratéxicos da nosa economía: volven as tractoradas en defensa dun prezo digno para o leite; paralización da construción naval; temos menos barcos de pesca e perdemos caladoiros; a Xunta practica unha nefasta política forestal e o PP prorroga a concesión a Ence na ría de Pontevedra até 2073.

Continúa a corrupción nos concellos galegos e o financiamento ilegal do PP. O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, está procesado por ofrecer traballo a cambio de sexo. E Feijóo non sabía nada”. O autor do libro, Manuel Monge González (Valladolid, 1947), é un mestre e sociólogo afincado na Coruña, cidade en cuxo tecido asociativo está fondamente implicado. Foi ademais concelleiro do BNG en dita cidade e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Ten publicados varios libros sobre política, historia da represión franquista e outros temas.

Outro libro ó que queremos referirnos aquí sitúase no ámbito das propostas de futuro que a esquerda debe incorporar, sen máis dilación, ó seu debate e acción política. Referímonos a Paraísos fiscales. 20 propuestas para acabar con la gran evasión, de Diego López Garrido (Los Libros de la Catarata). Tal como apunta a sinopse difundida pola editorial: “La liberalización de capitales y la despenalización de la evasión fiscal en la época de Thatcher y Reagan crearon un verdadero paraíso bajo los auspicios de la Unión Europea, pero ha sido en los últimos años cuando los escándalos de fraude fiscal y blanqueo de dinero se han sucedido hasta llegar a los Papeles de Panamá, la mayor fuente de información relevante que se haya entregado nunca a los medios de comunicación para su publicación. Sin embargo, aún no se ha proyectado en medidas de carácter político y legislativo eficaces, que tengan como resultado la desaparición de los paraísos fiscales. Este es uno de los fines principales de este libro: proponer un conjunto de medidas que hagan verdaderamente posible derribar los instrumentos en los que se asienta la inmensa evasión fiscal que forma parte de las sociedades desarrolladas -y no desarrolladas- de nuestro planeta”. O seu autor non precisa presentación, xa que foi deputado, voceiro do Grupo Parlamentario Socialista no Congreso entre 2006 e 2008 e secretario de Estado para a Unión Europea entre 2008 e 2011, entre outros cargos. Economista e catedrático de Dereito Constitucional na Universidad de Castilla-La Mancha, ten publicados diversos traballos no ámbito da súa especialidade.

O terceiro libro que queremos salientar aquí está coordinado por Rafael Simancas e leva por título Txiki Benegas, un hombre de bien (Fundación Pablo Iglesias). Trátase dunha compilación de textos e reflexións deste insigne socialista vasco, acompañada de testemuños de compañeiros seus como Felipe González, Patxi López, Alfredo Pérez Rubalcaba, José Luis Rodríguez Zapatero, Rodolfo Ares, Ramón Jáuregui, Bárbara Dührkop, Francisco Fernández Marugán ou Matilde Fernández.

Txiki Benegas (Caracas, 1948 – Madrid, 2015) foi unha das figuras máis relevantes do socialismo vasco dende os anos finais do franquismo. Deputado socialista dende 1977 e moi próximo a Alfonso Guerra durante boa parte da súa traxectoria, entre os anos 1984 e 1994 foi Secretario de Organización do PSOE. Publicou varios libros sobre temas políticos e sobre a paz en Euskadi, contribuíndo tamén ó estudo e recoñecemento desa outra gran figura histórica do socialismo vasco que foi Ramón Rubial.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.