Nas orixes da Agrupación Socialista de Cariño

Share Button

Hai uns días, revisando antigos números da revista local Nordeste, atopámonos co texto a páxina completa sobre a apertura do local social do entón Comité Local do PSdeG-PSOE, predecesor da actual Agrupación Socialista de Cariño. O evento inaugural tivo lugar o 24 de abril de 1982 e foi recollido no número 9 da segunda época da mentada revista, publicado no mes de xuño.

A ese acto de apertura asistiron militantes e simpatizantes locais, así como militantes de Ferrol, Fene, Mugardos e outros concellos da comarca. En representación da Executiva Nacional Galega asistiron Rosa Gómez e Antonio Gato, secretario de Política Municipal e deputado autonómico. A revista inclúe unha breve entrevista a este último, cuxo tema principal é a independencia municipal de Cariño. Por último, a páxina inclúe unha breve nota do Comité Local na que se anuncia a intención de abrir proximamente no local unha oficina do sindicato UXT.

Anos despois, como probablemente saberás, a sede da Agrupación trasladaríase a un local situado na rúa Balbís, onde permanecemos na actualidade. Somos, polo tanto, a única forza política que vén facendo un esforzo sostido no tempo, durante máis de 30 anos, para manter unha sede física en Cariño. Un local que mantemos única e exclusivamente grazas ó esforzo da militancia e que pretendemos seguir dinamizando: un testemuño máis do noso compromiso con este Concello e con toda a súa cidadanía.

Queremos aproveitar esta entrada para desexarche unhas Felices Festas, agardando que podas desfrutar destas datas na compaña das persoas queridas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.