25 anos de independencia municipal: entrevista a José Luis Armada en Diario de Ferrol

Share Button

Damos comezo a unha serie de entradas -que nos vindeiros días iremos publicando- relacionadas co acto que celebramos o pasado sábado en conmemoración do 25 aniversario da Segregación. Nesta primeira entrada reproducimos a entrevista ó noso compañeiro José Luis Armada que saíu publicada en Diario de Ferrol ó día seguinte do acto. Aproveitamos para agradecer o tratamento informativo que o citado xornal adicou ó evento, especialmente as dúas páxinas completas publicadas o domingo, nas que se inclúe esta entrevista que leva por título José Luis Armada liderou nos anos 80 o proceso segregacionista.

O día 21 de xaneiro de 1988 Cariño pasou a ser o 313 concello da provincia de A Coruña [debería dicir de Galicia]. O obxectivo alcanzouse despois dun longo proceso de segregación liderado pola Asociación de Veciños San Bartolo. José Luis Armada Castro, que despois sería o primeiro alcalde que tivo o municipio xa desvinculado do de Ortigueira, era entón a persoa que iba ó frente da entidade veciñal. Agora, con 25 anos máis, Armada recorda e valora o camiño andado.

En primeiro lugar, creo convinte recordar cómo xurdiu o proxecto de deixar de pertencer ó Concello de Ortigueira. ¿Cales foron os motivos?, ¿cánto tempo durou o proceso e cáles foron os obxectivos?

O motivo principal para reivindicar un Concello propio foi o sistemático abandono ó que nos tiña sometido o antigo Concello de Ortigueira. Cariño era o núcleo con máis poboación do municipio e, sen embargo, carecía completamente dos servizos básicos. Por outro lado, a cidadanía das nosas parroquias tiña que desprazarse case 40 kilómetros (ida e volta) para facer calquera xestión. Finalmente, a península do Ortegal, cuxa maior parte está formada polo Concello de Cariño, constitúe un ámbito xeográfico diferenciado e cunha dinámica socioeconómica que gravita e torno á vila cariñesa, o seu porto e as súas conserveiras. O proceso durou seis anos e o obxectivo principal, loxicamente, era acadar un Concello propio que permitise correxir estes desequilibrios territoriais e esta dinámica tan negativa para as cinco parroquias que forman o actual municipio.

¿Cómo estiveron os veciños no proxecto, colaborando dende o minuto cero, o pola contra, amosáronse reacios? No caso de cuestionalo, ¿cales foron as razóns nas que se xustificou a segregación?

Existía un amplo consenso entre a cidadanía a favor dun Concello propio. De feito, xa en 1919 xurdiu un xornal chamado “El Pueblo de Cariño” cuxa motivación principal era precisamente a segregación. Coa chegada da democracia acrecentouse esta reivindicación segregacionista. Nunca houbo en Cariño ningún grupo activo contrario á segregación, máis ben todo o contrario. A cidadanía colaborou sempre que a AVV o requeríu, e avalou o expediente de segregación firmando masivamente ante notario.

Pasado o tempo, ¿cales foron os resultados do proxecto?, ¿en qué mudou a iniciativa da que agora se cumpren o 25 aniversario? e ¿cales son os obxectivos que aínda quedan pendentes, no caso de que os haxa?

Ninguén dubida que Cariño experimentou unha transformación total, en tódalas áreas, nestes 25 anos de independencia municipal. Pasamos dunha situación moi precaria a poñer en marcha uns servizos e infraestruturas que superan ós de moitos concellos de longa traxectoria municipal. Recuperamos a fachada marítima e conquerimos o saneamento integral con depuradora, un novo instituto, un pavillón polideportivo, un auditorio municipal con biblioteca, unha nova Casa do Concello, parque móvil, centro de saúde e ambulancia do 061, pistas polideportivas, infraestruturas e servizos básicos en tódalas parroquias, beirarrúas, locais sociais e un longo etcétera.

Cubertas todas estas necesidades básicas, entendo que o principal obxectivo pendente é impulsar políticas que contribúan á creación de emprego e a fixar poboación xoven, a fin de combatir a crise de sectores produtivos tradicionais como a pesca e a crise demográfica e o envellecemento da poboación que son comúns a toda Galicia. A este respecto, no ámbito supramunicipal, é tamén fundamental a mellora das vías de comunicación.

¿Por qué considera que o actual equipo de goberno non se sumou as celebracións? Polo contrario, ¿cáles son os posibles intereses do PSOE en recordar o aniversario?, ¿qué sentido ten agora falar de segregación cando desde o Executivo galego e estatal se fala de unificar territorios para tratar de reducir gastos?

O Concello non se desvinculou desta celebración. Este é un acto que organizamos dende a Agrupación Socialista de Cariño, pero obviamente é compatible con calquera outra celebración que desexe organizar o Concello ou calquer outro colectivo. Nós organizamos este acto porque consideramos que a segregación é o acontecemento máis importante da historia contemporánea de Cariño e, de feito, temos conmemorado esta data en anteriores ocasións (como o décimo anivesario ou o vixésimo). En canto á última pregunta, eu entendo que este debate require un estudo serio que de momento está sen facer e, polo tanto, algúns políticos están tratando o asunto con demasiada frivolidade. De tódolos xeitos, as fusións non teñen por qué ser a mellor solución en tódolos casos; ás veces será mellor segregar, e outras redistribuir parroquias duns concellos a outros. Habería que demostrar que a fusión de territorios implica sempre a reducción de gastos; eu dende logo non o comparto. Ademais, o principal obxectivo debe ser a calidade de vida da cidadanía e a prestación de servizos dunha maneira sostible.

O caso de Cariño é un exemplo ben claro.

Tamén podes ver a entrevista na edición dixital de Diario de Ferrol.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.